O conselleiro de cultura asegura que a Xunta mantén o apoio á creación do museo da romanización

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asegurou hoxe que a Xunta mantén o seu apoio á creación do Museo da Romanización de Galicia no antigo cuartel de San Fernando, un Ben de Interese Cultural do século XVI, situado na capital lucense. Así o garantiu en resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento, na que lembrou que o Goberno galego “só está á espera” de que o Concello de Lugo consiga financiamento europeo ou estatal para completar esta achega, “tal e como se comprometeu o Executivo local hai agora un ano”, lembrou.

“A Xunta de Galicia quere colaborar co Museo da Romanización”, aseverou López Campos na súa intervención parlamentaria, onde lembrou que, no pasado mes de xullo, o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, xa confirmou que a Administración autonómica estaba disposta a colaborar neste proxecto.

No entanto, o conselleiro insistiu en que para esta implicación da Xunta, o Concello de Lugo debe cumprir coa “palabra dada” en outubro do pasado ano ao propio mandatario galego nunha reunión entre ambas as dúas Administracións. Daquela, o Goberno local comprometeuse a conseguir financiamento de fondos, ben europeos ou do Goberno central, co obxecto de que a Xunta completase ca súa achega a partida que será necesaria para reconverter o antigo cuartel de San Fernando en Museo da Romanización de Galicia.

“Polo tanto, xa hai un acordo enriba da mesa”, remarcou o responsable de Cultura do Goberno galego, quen incidiu na necesidade de que para a incorporación da Xunta ao proxecto de rehabilitación e reconversión en Museo da Romanización de Galicia “so queda que o Concello de Lugo cumpra coa súa parte”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com