O Consello de Ministros autoriza a construción da intermodal de Lugo

O Consello de Ministros autorizou, na súa reunión de hoxe, ao Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (Mitma) a licitar, a través de Adif, a construción da nova estación intermodal de Lugo, por un valor de 21,6 millóns de euros (IVE non incluído) e un prazo de 16 meses.

As obras previstas neste contrato comprenden o novo edificio de viaxeiros, un novo paso baixo vías, a adecuación de plataformas e construción de marquesiñas, a demolición do edificio de Correos anexo á actual estación de ferrocarril e a urbanización da contorna urbana.

A actuación forma parte dos acordos alcanzados no Convenio de colaboración asinado o 17 de marzo por parte de Mitma, a través de Adif, a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo para o desenvolvemento da nova área de transporte intermodal de Lugo e a súa contorna urbana.

Descrición dos traballos

O novo edificio de viaxeiros integrarase na praza intermodal que conectará as estacións de ferrocarril e autobús. A execución dos traballos de construción será compatible coa explotación ferroviaria. Tamén se construirá un novo paso baixo vías de 20 metros de ancho, 8 m deles destinados á comunicación entre plataformas, exclusiva para os usuarios do ferrocarril, e 12 m ao paso urbano peonil, que permitirá a conexión transversal, salvando a traza do ferrocarril entre o centro urbano e o parque do Sagrado Corazón. Esta conexión deseñouse con criterios de xénero, eliminando espazos residuais e potenciando a iluminación e visibilidade.

Así mesmo, estará dotada dun carril bici e ramplas integradas nunha contorna axardinada que a farán accesible e integrada no espazo urbano. Desta forma, quedan conectados ambos os lados da canle ferroviaria, incluídos os seus accesos, os elementos de comunicación vertical e a urbanización asociada. A súa execución -tamén compatible co servizo ferroviario-, coordinarase co resto das administracións.

Adif executará a urbanización do exterior da estación e a conexión do paso inferior coa contorna na zona de Praza Conde Fontao-Rúa Alta e Parque do Sagrado Corazón, actuando con criterios de sustentabilidade ambiental. Á súa vez, adecuará o cerramento da estación para evitar accesos indebidos á zona de vías e plataformas e levará a cabo a remodelación do viario e accesos rodados na zona da Praza Conde Fontao-Rúa Alta.

Pola súa banda, a Xunta executará, de maneira conxunta á estación de autobuses, un novo aparcamento subterráneo -proxectado por Adif-, que duplicará o número de prazas actuais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com