O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, remitiu dous escritos á Xunta en cumprimento dos acordos adoptados polo Consello Escolar Municipal do Concello de Lugo. Nun deles solicítaselle á administración autonómica que avalíe as necesidades de creación dun centro escolar público no termo municipal lucense situado na zona entre murallas ou colindantes.
Neste documento, tamén se pide a súa inclusión na programación de construcións escolares da Xunta. Esta petición é en base á presión de matrícula que nos últimos anos vén soportando o Colexio Quiroga Ballesteros e á inexistencia doutro centro docente de titularidade pública nesta zona da cidade.
No outro escrito solicítaselle á Xunta que avalíe os requisitos legais establecido, dentro da normativa referente ás instalacións e seguridade que afecta aos centros concertados na comunidade autónoma galega, para o CPR Plurilingüe La Milagrosa. Tamén se insta á emisión dun informe ao Consello relativo ao cumprimento de tales requisitos.