O Consello Xeral do Poder Xudicial acordou na Comisión Permanente celebrada o 11 de xullo renovar as medidas de apoio para reforzar os xulgados do Social de Lugo. En concreto, aprobou, dentro da execución do plan extraordinario de reforzo en materia de despedimentos, unha comisión de servizo con remuda de funcións a favor de Eladio Prieto Bellas, titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución único da Fonsagrada, co obxectivo de que esta medida permita finalizar 60 asuntos deste tipo cada mes. O CXPX tamén deu o visto e prace á renovación da comisión de servizo con remuda de funcións a favor de María Gabriela Gómez Díaz, titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº1 de Vilalba, para reforzar de forma xenérica os xulgados do Social de Lugo. As dúas medidas de apoio establecéronse ata o 31 de decembro de 2019.
Para tomar esta decisión, a Comisión Permanente do CXPX tivo en conta a evolución e o estado dos órganos para reforzar. Ao finalizar o primeiro trimestre de 2019 os xulgados do Social de Lugo tiñan en trámite 4.426 asuntos, unha media de 1.475 por órgano xudicial.