O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, puxo hoxe en valor o labor do Conservatorio de Danza de Lugo, que “desde a súa apertura en 2003 non parou de avanzar grazas ao traballo que fai día a día e hoxe é un dos centros de referencia a nivel autonómico no eido da formación artística”.
Arias visitou as instalacións, que estes días acollen as probas de acceso para ingresar o próximo curso nos primeiros niveis dos graos elemental e profesional. En xuño están previstas as probas para o resto dos cursos -as datas e procedemento de inscrición poden consultarse na web do Conservatorio-.
A cifra actual de matriculados ronda os 200 e conta con 25 docentes, “21 máis que cando abriu no ano 2003, con 95 alumnos e catro profesores”, apuntou Arias, quen salientou que este centro, dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, é o único de Galicia onde se poden cursar as ensinanzas profesionais de danza Contemporánea.
Formación
O Conservatorio Profesional de Danza de Lugo é o único centro dependente do Goberno galego onde se poden cursar as ensinanzas elementais e profesionais de danza. Desde que iniciou a súa actividade foi medrando ata que no curso 2011/2012 acadou a implantación definitiva das ensinanzas desta disciplina, cos catro cursos de grao elemental e os seis cursos de grao profesional nas especialidades de Danza Clásica e Danza Contemporánea. Tamén ten un cursiño preparatorio para o acceso de alumnado ao grao elemental.
Dadas as novas necesidades que foron xurdindo, o pasado verán levouse a cabo a ampliación do número de aulas plenamente operativas para a práctica da danza a través dunha partida económica específica da Consellería.
Ademais, conta cun sistema de xestión de calidade (SXC) certificado dende o ano 2016 grazas á posta en marcha por parte da Xunta do sistema de certificación da rede dos conservatorios profesionais de música e danza do sistema educativo de Galicia. Desde entón, o centro sométese regularmente a avaliacións internas e externas, alimentando iniciativas cara a mellora continua.