O controvertido Leos Carax regresa ao cinema con Annette

Cunha carreira de case trinta anos, o galo Leos Carax está considerado un dos enfants terribles do cinema mundial. Os seus filmes tratan sempre temas polémicos e subversivos, construídos de forma ambiciosa a través de arquitecturas narrativas difíciles de desentrañar, mais sempre dominados pola intensa emoción dos seus dramas e a espectacularidade das súas imaxes.

Annette, a súa última obra é posiblemente a súa película máis ambiciosa. Un proxecto longamente agardado no que colabora co dúo musical Sparks, autores do guión e con papeis protagonistas no filme. A reputación de Carax no cinema é comparable á de Sparks na música. Pioneiros do pop desde inicios dos anos 70 con discos de gran éxito comercial e crítico como Kimono My House, Hippopotamus ou o recente A Steady Drip, Drip, Drip, a banda sempre tivo un gran interese no cinema e nas artes visuais, que sempre utilizan nos seus ambiciosos directos. En Annette, se encargan da música, do guión e de interpretarse a si mesmos nunha opera audiovisual, chea de ambiciosos números musicais que sobrepasan a idea que temos deste xénero cinematográfico.

Ademais deste mítico dúo musical, os protagonistas do filme son dous intérpretes tan prestixiosos como Adam Driver e Marion Cotillard.

O primeiro, famoso pola súa participación na nova saga de A guerra das galaxias, labrou paralelamente unha carreira no cinema independente, traballando con importantes cineastas americanos como Jim Jarmusch, Spike Lee ou Martin Scorsese, pero que con este filme debuta ao outro lado do Atlántico nun filme que ten moito de homenaxe aos xéneros clásicos do cinema americano, mais desde o punto de vista persoal de Carax e Sparks. En canto a Cotillard, gañadora do Óscar por interpretar á mítica Edith Piaf, é unha icona mundial do cinema e únese ao grupo de grandes actrices que xa colaboraron con Carax, como Juliette Binoche (Os amantes de Pont-Neuf) ou Catherine Deneuve (Pola X).

Un reparto estelar para unha película única que chega a Codex Cinema como gran festa de fin do verán. Carax, á maneira de Kubrick ou Malick, é un cineasta obsesivo que traballa durante anos en segredo nos seus proxectos. Xa pasaron nove anos desde Holy Motors, o seu último filme, e a estrea de Annette no Festival de Cannes foi o acontecemento do certame francés, que volveu por todo o alto este pasado mes de maio tras non celebrarse en 2020 por culpa da pandemia da Covid-19. Alí gañou o premio a mellor director e agora chega por fin a Codex para ser desfrutada polos espectadores lucenses.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com