O Concello do Corgo e a Xunta de Galicia veñen de chegar a un acordo para impulsar a ampliación do polígono industrial da localidade. Esta foi a principal conclusión da xuntanza que mantiveron hoxe o alcalde corgués, Felipe Labrada, xunto co director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García Porto e na que tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro.
O Goberno local xustificou que existe demanda de solo industrial, entre eles a máis relevante, o interese dunha empresa que quere asentarse no polígono e que está disposta a adquirir 20.000 metros cadrados de superficie.
A Xunta confirmou encargará a redacción do proxecto do plan sectorial que fará factible desde o punto de vista técnico e urbanístico esta ampliación e no que se concretarán as características da mesma.
Oportunidade de desenvolvemento e emprego
“Este paso que acabamos de conseguir, facilitará a implantación de novas empresas nos espazos de ampliación do polígono, o que representa unha gran oportunidade para o desenvolvemento do noso concello e, sobre todo, para a xeración de novas oportunidades de emprego para os nosos veciños”, explicou Labrada.
Desde o Goberno local agradecen a receptividade da Xunta ante esta petición e sinalan que porán todo da súa parte para axilizar os trámites que dependan do Concello e que fagan posible este ambicioso proxecto.
O polígono industrial do Corgo, ten un emprazamento estratéxico, debido á súa proximidade á capital lucense, a tan só 10 quilómetros. Na actualidade conta cunha extensión de 14 hectáreas, emprazado en terreos situados na marxe esquerda da Autovía A-6 (A Coruña-Madrid), o que garante unha excelente comunicación coas redes de transporte e dota á esta infraestrutura dun enorme potencial.