O COTSG pide que se reforcen os equipos de servizos sociais

A Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) cre que, tras o COVID19, os colectivos especialmente vulnerables poden caer en situacións de “extrema necesidade” que precisan dunha atención social “urxente e inmediata”. Desde o COTSG recordan que a situación que se viviu tras a crise de 2008 foi “dantesca” e por iso cren que a Consellería de Política Social debe “elaborar un plan que dea resposta e se anticipe á problemática social que se vai derivar do parón que implicou o coronavirus”. Do mesmo xeito cren que a “Xunta debe apostar por unha coordinación sociosanitaria decidida xa que, a falta desta, levounos a esta situación de crise de recursos”

Neste sentido subliñan que “en Galicia non se están a cumprir as ratios de traballador/a social, que debería ser dun ou dunha profesional por cada 1700 habitantes, especialmente nas cidades onde os servizos sociais están totalmente desbordados”. O COTSG, como colaborador da Xunta no Teléfono de Atención Social, ten “coñecemento directo da sobrecarga de tarefas que están a ter as e os traballadores sociais e, en xeral, os servizos sociais comunitarios galegos”. A Xunta de Goberno subliña que os servizos sociais vanse “enfrontar a situacións de extrema necesidade e escaseza por parte da poboación e por iso piden que a administración galega cumpra o seu deber de previr e anticiparse á situación reforzando con contratacións estables os equipos e non con parches temporais”.

Petición á FEGAMP

A Xunta de Goberno tamén demanda á FEGAMP que proceda “a instar a todas as entidades locais da Comunidade Autónoma a contratación extraordinaria e urxente de traballadoras sociais que dean cobertura de xeito continuado e ininterrompido aos servizos sociais”. Neste sentido lembran que “a lei 2/2015, de 29 de abril, do emprego público de Galicia establece a posibilidade de contratar persoal funcionario interino de xeito inmediato e por un período de ate tres anos para suplir a necesidade de programas puntuais de urxente atención”. Isto permitiría para que “a poboación da zona poida contar cun ou cunha traballador/a social cumprindo coa normativa vixente que garanta o dereito da cidadanía a unha asistencia integral e de calidade”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com