O sindicato CSIF vén de presentar unha querela contra a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, contra o ex alcalde, José López Orozco e a unha funcionaria municipal por irregularidades laborales en torno a esta funcionaria, que, segundo o sindicato, vén ocupando o poso de letrada asesora no Concello “de xeito irregular”, ao estar destinada noutro servizo.
O CSIF denunciou no ano 2011 que esta funcionaria ocupaba o posto de letrada asesora en réxime de comisión de servizos, cando xa se cumprira o tempo máximo no que este posto podía ser ocupado mediante esta fórmula.
Segundo o sindicato, os tribunais anularon este nomeamento ata dúas veces, unha e 2011 e outra en 2015. A pesar de todo, di o CSIF, tanto Orozco primeiro, como Lara Méndez despois, decidiron mantela nese posto “cobrando un complemento específico moi superior ao do seu cargo” que cifran en 100.000 euros.
Por este motivo, o sindicato denuncia a funcionaria por “enriquecemento ilícito” e a Orozco e Méndez por entender que as súas actuacións mantendo a esta persoa no posto “poden conlevar responsabilidade penal por parte de aqueles que propiciaran unha prolongación de funcións ilexítima a sabendas da súa irregularidade”.
Dende o Concello, o voceiro do Goberno local, Miguel Fernández, di ter “absoluta tranquilidade”. Fernández asegurou “non ter coñecemento” desta situación pero, en todo caso, prometeu “colaboración coa xustiza”.