A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, informou que o Goberno da Deputación vén de xerar un total de 308 novos postos de traballo en 63 Concellos da provincia co DEPUEMPREGO, o plan de fomento do emprego da Deputación de Lugo. Trátase do programa que o Executivo Provincial pon en marcha nos Concellos de menos de 20.000 habitantes. Está dotado de 3,5 millóns de euros, cos que financiar os custos laborais de novos traballadores, que reforcen os servizos públicos municipais, que as pequenas entidades locais teñen que ofrecen aos seus veciños.
López Izquierdo destacou que “a xeración de emprego de calidade na provincia é un dos piares que sustentan as políticas que desenvolvemos dende a Deputación de Lugo. Non en vano, nos últimos 3 anos, dende o Executivo Provincial investimos a través desta programación, 6,6 millóns de euros cos que se xeraron 523 novos empregos. Se engadimos os postos que hoxe presentamos, suma un investimento superior aos 10 millóns de euros cos que se xeran 831 novos postos de traballo para reforzar as prestacións municipais que os Concellos ofrecen aos veciños, especialmente aos do rural”.
“Pero ademais do DEPUEMPREGO, nestes últimos 2 anos e medio de Goberno, e a través do Ben Empregado, investimos case 9 millóns de euros cos que se crearon 600 novos empregos, cos que reforzamos o tecido empresarial e asociativo lucense. Deste xeito, e sumando tan só estas dúas programacións en impulso do emprego, dende o Goberno da Deputación fixemos un esforzo inversor de case 20 millóns de euros, o que permitiu a xeración duns 1.500 novos empregos en Lugo, convertendo á Deputación de Lugo na administración galega que máis inviste na xeración directa de emprego na provincia”, apuntou.
Na actualidade, está aberta a solicitude dos primeiros 37 empregos xerados. Son en Begonte, Castroverde, Meira, Negueira de Muñiz, Palas de Rei e A Pobra do Brollón. En Begonte, 7 peóns e 1 auxiliar administrativo; Castroverde, 5 peóns; Meira, 1 peón servizos múltiples; en Negueira de Muñiz, 2 peóns e 1 auxiliar administrativo; As Nogais, 5 peóns de obras públicas, Palas de Rei, 2 peóns de xestión de residuos, 3 peóns condutores, 5 peóns de obra pública, 1 peón de limpeza e 1 técnico de educación infantil; A Pobra do Brollón, 1 condutor desbroce e 3 peóns de desbroce. A inscrición e máis información ao respecto nos propios Concellos, así como en www.deputacionlugo.gal.
Hai outros 271 postos de traballo máis, cuxos procesos de selección, dos que se encargan os Concellos, terán lugar nas vindeiras semanas, pois o Goberno da Deputación financia os custos laborais dun total de 308 novos traballadores nos 66 municipios. Faino con 3,5 millóns de euros, que distribuíu en base a criterios totalmente obxectivos: taxa de paro, superficie, entidades de poboación e núcleos poboacionais.