O Deputado Provincial de Turismo, Eduardo Vidal, valora moi positivamente a presenza de Lugo en Fitur

Cal é a valoración que fai de Fitur 2016?

Dicir en primeiro lugar, que a Deputación Provincial estivo presente na miña persoa, na pasada feira de Fitur en Madrid.

A valoración que facemos é moi positiva, tanto dende o punto de vista presencial como profesional e como non, do político; xa que a presencia da Deputación na segunda feira máis importante do sector turístico mundial considéroa imprescindible para coñecer de primeira man o estado actual do sector, e como non, do negocio que se xera a partir dos produtos turísticos.

E dende o punto de vista organizativo?

Dende o punto de vista de organización e dende o punto de vista máis político, teño que dicir, que considero que é o lugar máis axeitado para percibir a importancia do turismo no desenvolvemento socioeconómico dos pobos, dos territorios e para poñer en valor aqueles recursos propios que temos como provincia.

É imprescindible a tarefa de desenvolver actividades sociais sostibles e produtivas, que xeren riqueza, que xeren negocio,  e sobre todo, que sexan atractivas tanto para o consumidor do produto, como para as persoas e entidades que ofrezan os servizos. Para elo é necesario xuntar as distintas potencialidades que temos na provincia, á que consideramos como única, polos seus valores, culturais, paisaxísticos, de patrimonio, musicais, gastronómicos, científicos etc; polo tanto unha valoración moi gratificante e positiva é a que saco de ter estado presente en Fitur 2016.

Como se conxugan os distintos atractivos cos que contan Lugo e a súa provincia?

Podemos dicir que os distintos atractivos hai que conxugalos dende moitos puntos de vista e vímolo nesta feira. Estivemos e participamos en presentacións importantes, facendo e definindo, como por exemplo a do concello de Lugo como un destino exemplar, estoume a referir ao proxecto “Ven, é Lugo”, onde conflúen, tres figuras importantísimas Patrimonio da Humanidade: o Camiño Primitivo, xunto coa catedral de Lugo e a Muralla, incluso a reserva de biosfera, como non, ese cinto verde que temos arredor da cidade de Lugo.

Participamos tamén na presentación da Ribeira Sacra, feita polo consorcio e deses 21 concellos entre a provincia de Lugo e a de Ourense, 13 deles da provincia de Lugo, para comprometernos a traballar  a reo para que a Ribeira Sacra sexa declarada tamén Patrimonio da Humanidade.

Así mesmo participamos na presentación da mancomunidade de concellos da Mariña como destino turístico importante 16 concellos da provincia (oito interiores e 8 costeiros); puxemos en valor máis de 100 quilómetros de costa e como non, os patrimonios que atesouran. Todo isto posto en valor, axuda a que Lugo sexa ese destino importante que queremos. A presentación tamén dun proxecto pioneiro na provincia como é “Viaxe ao reino de Lugh” que fai da música un elemento de transmisión entre as comarcas e de goce para a xente que nos visite. A presentación desa guía gastronómica, en permanente actualización, que fai que ano tras ano sexa demandada, non so na provincia, senón tamén fora dela e máis aló de España. Tamén expresar a nosa gratitude á asociación de empresarios da hostalería e do turismo provincial que seguen ano tras ano, poñendo en valor a nosa gastronomía. Todo isto conforma un paquete turístico provincial, que é capaz de xerar riqueza.

Que ten que dicir ás declaracións feita hoxe polo vicevoceiro provincial do Partido Popular acusandoos  de non liderar a oferta turística da provincia en Fitur?

Podo responder que son totalmente infundadas, pero bueno, o que está claro é que cada un ve a botella medio baleira ou medio chea, segundo lle conveña. A Deputación Provincial estivo presente en Fitur, como tiña que ser, e estamos traballando  dende a Deputación, para desenvolver un “Plan Estratéxico de Turismo” para a provincia, que ata de agora nunca tivo. Polo tanto, estamos a estudar todas as iniciativas posibles para incluílas nese plan provincial. E dende logo ás declaracións que fai o Sr. Armesto, dicirlle que non se preocupe que el vai a ser debidamente informado, como non pode ser doutra maneira, de todos os pasos que se vaian dando para poñer á provincia de Lugo como ese xeodestino global que todos esperamos e que no seu día será debidamente invitado á presentación deste plan, que creemos e esperamos estea xa rematado e listo para sacar a luz pública, antes deste verán.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com