O plan de concentración de dispositivos municipais de limpeza, posto en marcha pola alcaldesa, Lara Méndez, chegará este martes, 17 de agosto, ao barrio de Galegos, logo de concluír as tarefas previstas no Castiñeiro, Casás, Abella, A Residencia, as Gándaras e no Sagrado Corazón.
O obxectivo desta iniciativa, desenvolvida pola área de Medio Ambiente, é unificar os esforzos por contornas e mellorar, así, o acondicionamento da cidade, sen descoidar os labores ordinarios. Para iso, se está a actuar de forma integral en cada barrio cun amplo operativo integrado polas empresas encargadas da limpeza urbana, do mantemento das zonas verdes e de revisión dos parques infantís, contando co apoio das brigadas municipais.
Neste senso, o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández explicou que “este martes o operativo desprazarase a Galegos onde se executarán labores de roza, tanto de vías como de parcelas municipais, co obxectivo de mellorar a estética e a imaxe da zona e o confort dos veciños e veciñas deste barrio da cidade”.
Cómpre subliñar que dende o 2020, o Concello de Lugo leva tramitados un total de 341 expedientes por acumulación de maleza en predios particulares, instando aos seus propietarios a corrixir esta situación; 6 deles precisamente no barrio de Galegos.
Tras rematar nesta contorna, os traballos continuarán en Aceña de Olga, Fingoi, Augas Férreas, A Milagrosa, A Cheda, o centro da cidade, Fontiñas, Castelo – A Chanca, Barrio da Estación, Barrio Feijoo, Paradai, Frigsa, San Lázaro – A Ponte, A Louzaneta, Inmediacións do HULA e Montirón – San Fiz.