A delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación da XXVII edición da Festa da Malla, que se celebrará o vindeiro domingo 19 de agosto en Meira. No acto participaron o delegado territorial, José Manuel Balseiro; o alcalde de Meira, Antonio de Dios; o presidente da Asociación de Amigos da Malla, Manuel Pardo, e o vogal deste colectivo Manuel Ferreiro.
Balseiro subliñou o apoio da Xunta a esta festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, “unha das máis singulares de cantas se celebran na provincia”. A festa, segundo indicaron os organizadores, “intenta conservar todas as tradicións e revivir a malla tal e como se vivía nas casas”, incluíndo a construción da meda e empregando maquinaria de distintas épocas, algunha case centenaria.