O vindeiro domingo terá lugar a XIII Carreira Popular Lugo Monumental

Máis de 2.200 deportistas xa están listos para disputar o vindeiro domingo, 31 de xaneiro, a XIII Carreira Popular Lugo Monumental, unha proba deportiva organizada polo Concello de Lugo co patrocinio de Viesgo, grupo El Progreso, Noroeste de Iberianpartners e a Asociación Española Contra o Cancro.

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, declarou que “se trata  dunha cita de referencia na cidade, cunha notable acollida por parte dos deportistas lucenses e galegos, que serve ademais para promover a Lugo”.

A saída desta proba terá lugar ás 12:00 horas na Ronda da Muralla, fronte á Mosqueira, e terá unha distancia aproximada de 10 quilómetros. O recorrido é o seguinte: Ronda da Muralla, rúa do Teatro, Santo Domingo, rúa da Raíña –paso por liña de meta-, Praza Maior, Bispo Aguirre, rúa Vilalba, Avenida Ramón Ferreiro, rúa Pintor Corredoira, Anxo López Pérez, Ronda da Muralla, rúa Recatelo, Ribadeo, Xeral Tella, Praza de Avilés, Doutor Portela, Avenida Rodríguez Mourelo, Ramón Ferreiro, Pintor Corredoira, Avenida Ramón Ferreiro, Anxo López Pérez, praza da Constitución e Ronda da Muralla ata a Porta de Santiago, onde os corredores subirán ao adarve da Muralla pola rampla fronte á Catedral para afrontar unha volta polo adarve ata chegar de novo á rampla, onde os corredores baixarán cara á praza Pío XII, rúa Bo Xesús, praza Santa María, Alférez Provisional, Praza Maior e chegada á meta situada ao carón da Casa do Concello.

Estableceranse controis de cronometraxe de chip por todo o percorrido co fin de verificar que todos os atletas percorren a totalidade do circuíto coa novidade este ano do seguemento en vivo de cada un dos atletas mediante a conexión a aplicación de Championchipnorte. Para a XIII Carreira Popular Lugo Monumental establécense 6 categorías masculinas e 6 femininas, categoría E para os nados entre 1994 e 2000, cateogría F, para os nados entre 1980 e 1993; categoría G, nados entre 1970 e 1979, categoría H, nados entre 1960 e 1969; cateogría I, nados entre 1950 e 1959 e categoría J, nados entre 1949 e anteriores.

Haberá trofeos para o primeiro, segundo e terceiro clasificado da carreira absoluta masculina, e un trofeo e medallas, para o 1º, 2º e 3º das categorías de adultos. O primeiro participante en pasar pola meta voante recibirá un agasallo. Tamén se entregará un trofeo para a mellora da marca Volta á Muralla, tanto na categoría masculina como feminina. O trofeo VIESGO entregarase ao atleta máis veterano masculino e á máis veterana feminina.

Previamente a esta carreira terán lugar as probas dos máis cativos. Para a cateogría dos nenos e nenas nados en 2010 e 2011, a saída desta proba non competitiva será ás 11:00 horas da rúa Vilalba e correrán 370 metros. O punto de partida para os nados entre o 2007 e o 2009 (categoría A); 2004 e 2006 (categoría B) e 2001 e 2003 (categoría C) será a Ronda da Muralla, que acollerá a saída destas categorías ás 11:10, 11:20 e 11:30 respectivamente. A distancia será de 700 metros para a categoría A, 1.100 para a B e 1.500 para a C. O 1º clasificado destas tres categorías recibirá un trofeo, e o 2º e o 3º unha medalla.

Paralelamente á saída da  XIII Carreira Popular Lugo Monumental, haberá unha Marcha solidaria contra o cancro, para todas aquelas persoas que previamente se apuntaron coa súa doazón de 1 euro, coincidindo co inicio da proba e percorrendo a distancia que vai da saída ao primeiro paso por meta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com