A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo unha reunión este xoves con membros de FSC España (Forest Stewardship Council) e da dirección de obra do edificio Impulso Verde para avanzar na súa certificación co selo FSC. Neste senso, a rexedora avanzou o compromiso municipal para a implantación dun Sistema de Cadea de Custodia para o proxecto de construción deste inmoble, a través do que se garante que a materia prima empregada provén de fontes legais e, polo tanto, que os contratistas e provedores da obra fornécense de produtos obtidos en áreas próximas a Lugo e que realizan unha xestión forestal responsable e sostible.
Neste senso, Lara Méndez apuntou que “dende o Concello apostamos pola madeira, un dos principais recursos naturais dos que dispoñemos no noso territorio, como materia prima para un novo modelo de construción máis respectuosa co medio ambiente e menos contaminante. Facémolo, ademais, garantindo unha xestión forestal sostible, próxima e nunhas condicións de seguridade e igualdade no traballo, políticas que aplicamos tanto no proxecto Impulso Verde, como na actividade municipal”.
O novo edificio Impulso Verde que o Goberno de Lara Méndez está a executar no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico será o primeiro en España e un dos poucos no mundo que logra a prestixiosa certificación de proxecto FSC (Forest Stewardship Council). Este visado garante que toda a madeira utilizada, igual en estruturas que en encofrados, procede de fontes xestionadas segundo estritos estándares de sustentabilidade tanto ambientais como sociais.
Toda a estrutura da pioneira construción “de quilómetro cero”, que está feita en madeira certificada 100% procedente da Mariña Lucense, foi tratada en plantas de Alfoz e Trabada e integrada en estruturas de paneis contralaminados CLT de alta calidade técnica que estes días instala a empresa adxudicataria do proxecto.
Grazas a este distintivo, o edificio Impulso Verde converterase nun novo referente internacional no ámbito da construción sostible. Outros famosos proxectos certificados FSC no mundo son o Canary Wharf Crossrail Place de Londres ou a pasarela do recinto feiral BuGa preto de Bonn.
Este edificio estase a executar no marco do proxecto europeo LIFE Lugo + Biodinámico impulsado polo Concello de Lugo, no que participan como socios a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade Politécnica de Madrid. Ademais, o proxecto está cofinanciado polo instrumento LIFE da Unión Europea e pola Deputación de Lugo.