O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento do Concello de Lugo participou hoxe na visita á escola infantil do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que realizou a Conselleira de Política Social, Fabiola García. O edil aproveitou a preguntar á conselleira polo anuncio lanzado dende o goberno da Xunta en relación á gratuidade deste servizo para todas as nenas e nenos que tiveran irmáns maiores.
“A resposta da conselleira xerou incerteza xa que non existe unha previsión de como vai asumir a Xunta de Galicia esta gratuidade no caso das escolas infantís municipais”, indicou o concelleiro de Educación, que engadiu que “a pesar de que este anuncio foi feito polo presidente da Xunta e confirmado pola Conselleira na súa visita a Lugo, quedou claro que o goberno galego non ten preestablecido o método para garantir esta gratuidade“.
O concelleiro avanzou que “dende o goberno municipal de Lugo prestaremos atención ao desenvolvemento deste anuncio feito en período claramente preelectoral” e engadiu que “traballaremos para que as familias lucenses se poidan beneficiar desta medida no caso de poñerse en marcha tal e como anunciaron dende o goberno do Partido Popular na Xunta”.