O ensino na Terra de Lemos, unha grande historia

Remata o verán, recomeza o tempo da formación en todos os niveis, e de novo cobra toda a súa actualidade a actividade formativa que, en definitiva, a todos nos compete. E resulta bo momento para botar a ollada cara atrás, para coñecer e estimar a traxectoria que o ensino tivo na nosa terra ata chegar á actualidade, onde cristalizan todos os esforzos e experiencias de tempos anteriores.

Os estudos históricos educativos, recientes como relativamente reciente é a educación regulada no país, que abarca pouco máis de dous séculos, veñen reflectir unha auténtica historia social, que se a historia que aprendemos hai tempo era unha sucesión de batallas, esta é tamén a historia dunha batalla da sociedade a prol da formación dos seus membros.

Non hai moito que veu a luz un meritorio estudo histórico educativo sobre “O ensino na Terra de Lemos nos seculos XIX e XX”, do profesor e inspector de educación Pedro Gómez Álvarez, que despertou a miña atención. O especialista en historia de Educación Antón Costa di que o estudo da historia do ensino nas Terras de Lemos estaba sen facer, e que resultou “máis dinámico do esperado”, destacando o excepcional traballo do autor no estudo das fontes informativas e dos resortes de xestión das administracións, percibíndose nel o rigor e a “mirada de inspector”, rompendo todas as lanzas que fagan falla en pro das escolas de todos, coa énfase que puxera o histórico Luís Bello na reforma social democrática coa expansión das escolas públicas. Conclúe o profesor Costa o seu limiar con “beizón para quen botou horas mil para entender o que pasou e así poder comunicalo con adecuada transparencia”.

Fálanos Pédro Gómez Álvarez do ensino en Bóveda, Monforte, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober, pero antes fala da historia daquela terra, da súa significación social, das xentes máis sobranceiras e da xente do pobo; da política e das ideoloxías; da prensa e da instrución… chamando a atención que xa en 1812, a constitución de Cádiz dispuxera que “En todos los pueblos de la Monarquía se establecieran escuelas de primeras letras, en las que se enseñara a los niños a leer, a escribir y contar, y el catecismo de la religión católica, que comprenderá también una breve exposición de las obligaciones civiles”.

Estuda o autor con todo detalle, primeiro o distrito e despois cada un dos seis concellos, as escolas de primeiras letras ou o ensino da latinidade, escolas e mestres… de xeito que constitúe unha auténtica viaxe ao pasado dándonos a coñecer un panorama que hoxe nos parece dun país moi lonxano no espazo no tempo, dándonos conta moi claramente que se está a falar de nós mesmos hai só un par de séculos.

Como exemplo de feitos singulares que relata, e moito máis que unha anécdota, teño que reflictir o que indica que en 1910 o Reitor dos Escolapios, coas debidas autorizacións, para manter dignamente en pé o colexio que antes fóra Seminario, vendeu ao museo de Berlín o cadro “A adoración dos Reis”, de Van der Goes, despois de ofrecerllo por moito menos ao Ministerio de Instrucción pública, que declinou a oferta.

Certamente ésta é unha historia do ensino nas terras de Lemos, pero é, como non podía ser menos, unha historia humana… historia de xentes con fotos e nomes, de escolas e mestres – tamén mestras, claro -, con feitos e cifras, pero chea de vida, desde os primeiros tempos ata aqueles que moitos puidemos xa vivir, tendo tamén especial papel a época que puidésemos chamar contemporánea, iniciada nos anos 70, onde se consolidou todo o moderno sistema de ensino na comarca e en Galicia.

O libro “O ensino nas Terras de Lemos nos séculos XIX e XX”, de Pedro Gómez Álvarez, é un amplo e fondo estudo da sociedade e da vida da comarca dos últimos dous séculos, imprescindible para calquera persoa vencellada ao mundo da educación; libro que ten que resultar de cabeceira para as xentes da comarca, e interesante pescuda de interese xeral para quen queira saber de “onde vimos”, como viviron os nosos avós e os nosos pais, e como foi unha parte moi importante na historia deste país. É coma unha viaxe no tempo, que todos podemos facer para reencontrarnos co que fomos; e para valorar o que temos, recoñecendo os esforzos e o traballo dos que viviron antes ca nós.

Para Pedro Gómez Álvarez, que en Lemos tivo o epicentro do seu traballo no mundo educativo (moitos identificámolo como “Pedro, o inspector de Monforte), esta obra é a satisfacción dunha “débeda íntima, persoal, nun marco de lembranzas e de afectos”; para quen a recibe é un agasallo intelectual, un inconmensurable esforzo de investigación e xustiza cara a unha terra, un tempo e unha realidade que todos merecemos coñecer e valorar, “débeda íntima que” -dicía Antón Costa – “ninguén lle reclamara nunca”, pero que todos debemos valorar porque este tipo de débedas hai moi poucos que as recoñezan e moitísimos menos que cheguen a satisfacelas.

Parabéns entusiastas por este magnífico traballo, axeitado colofón a tan grande historia.

https://ensinolemosdezanovevinte.wordpress.com/

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com