O escritor Álex Alonso será o protagonista da sexta cata literaria do Museo Interactivo da Historia (MIHL) o vindeiro xoves, 9 de xullo, ás 20:00 horas. Así o anunciou este venres a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, quen subliñou que “se trata dun autor galego, que foi Premio de narrativa curta Ánxel Fole do Concello de Lugo con Tempos de bebidas isotónicas e fast-food”.
Este escritor foi mención especial do xurado en 2003 no XII Certame Manuel Murguía de narracións breves pola obra Estremonías, gañador en 2010 do VI Certame de relatos de muller Matilde Bares por Xénero imperfecto.
Carmen Basadre avanzou que todos os interesados poden mercar a súa entrada por 5 euros na Oficina Municipal de Turismo, de luns a sábado, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas, e no propio MIHL, de martes a sábado, de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, e os domingos, de 17:00 a 20:00 horas.
Nesta cata literaria, ao igual que as cinco anteriores, tamén haberá gastronomía lucense acompañada de viño da Ribeira Sacra.