O escritor Xavier Alcalá presentará en Lugo a súa última novela

O vindeiro mércores día 19 ás 20 horas no centro O Vello Cárcere, terá lugar a presentación de  The Making Off a  última novela do escritor Xavier Alcalá, editada por Galaxia. Ao acto asistirá o autor xunto co historiador Antonio Bernardez .

Despois de seis anos, Xavier Alcalá volve á novela con The Making of, onde se conta a historia de Alfredo Mosquera, o Coghomelo, un emigrante e delincuente no Buenos Aires da década de 1930, xogador e servidor de “casa de tolerancia”, colaborador cos círculos de apoio ao Terceiro Reich na cidade de Comodoro Rivadavia durante a Segunda Guerra Mundial.

Un innominado escritor de profesión allea á literaria recibe dun compañeiro de traballo a petición de que investigue sobre a morte do seu avó na Patagonia. O azar, que marca os fitos da narración, fai que o escritor sexa amigo do Cholo, un xornalista galego con boas relacións naquelas latitudes. Desa maneira, o escritor vai descubrir a historia de Alfredo Mosquera, o Coghomelo.

Seguindo o dito de Henry James “Show, don’t tell”, The Making of mostra as orixes da novela, a recompilación do material narrativo, o xeito en que os fíos dispersos da historia —documentos policiais, testemuños, rumores case esquecidos— van chegando pouco a pouco ás mans do escritor innominado, ao tempo que a novela expón diante do lector a traxicomedia do Coghomelo, quen, coma un actor malpocado, nos deixa asistir á representación da súa vida: unha historia chea de ruído e furia, contada por un idiota e que non significa nada.

Na que é unha das grandes novelas tardomodernas da literatura galega, Xavier Alcalá consegue trazar maxistralmente o retrato dun sobrevivente, dun xogador de fortuna, un pícaro, sen perder un ápice de autenticidade e viveza, enguedellando o lector na que é a aventura oculta da emigración galega na Arxentina.Novela dentro da novela, sarcástica, corrosiva, ás veces case brutal, The Making of dá conta nunha esmorga consagrada ao pracer de narrar— de como os fíos da literatura de cerna se tecen coas febras do Mal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com