O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, e a directora rexional de Inserta Empleo en Galicia, Menchu Iglesias, presentaban esta mañá a primeira Xornada Speed Networking que este xoves terá lugar no CEI – Nodus.
Baixo o lema Unha dobre oportunidade o Espazo Lab-Centro de Formación e Orientación Laboral do Concello acollerá pasado mañá, en horario de 10:00 a 12:00 horas, esta iniciativa coa que se persegue reunir a persoas traballadoras e desempregadas con diversidade funcional e a empresas de diferentes sectores que desenvolven a súa actividade en Lugo para poder establecer redes de contactos, facer visibles os seus perfís profesionais así como facilitar a súa inserción laboral.
“O Concello de lugo asume así – indicou o edil – o compromiso pola inclusión, apostando porque esta integración social se leve a cabo sen barreiras de ningún tipo e poñendo a disposición os medios e recursos municipais no eixo do emprendemento para que as persoas con discapacidade sexan actores fundamentais na estratexia de desenvolvemento de Lugo”.
Mauricio Repetto explicou tamén que a actividade comezará coa intervención da judoka integrante do equipo de Trainers Paralímpicos da Fundación ONCE, Marta Arce e posteriormente se celebrará un período de networking, de aproximadamente unha hora, no cal os participantes terán ocasión de interactuar entre sí para intercambiar perfís e ampliar información acerca das súas competencias.
Pola súa banda, Menchu Iglesias, reseñou a importancia da colaboración institucional para propiciar a creación destas xornadas, ás que xa se apuntaron máis de medio cento de participantes e que servirán como marco idóneo para xerar oportunidades de emprego.