Anos levan os lucenses oíndo falar a uns e outros grupos sobre unha nova comisaría da Policía Nacional (actualmente, na rúa Chantada). Anos nos que tamén o Sindicato Unificado da Policía (SUP) solicitou das formas previstas legalmente esta nova infraestructura. Malia que a opinión pública e os medios de comunicación barallaron varias ubicacións, a que semellaba soar máis forte era a que a situaba entre unha das novas construccións que se levantarán no que antes era o antigo Xeral.
O certo é que, a día de hoxe, non se volveu falar deste tema. Tanto é así, que o espazo que nun primeiro momento suponse que iría adicado á comisaría na Residencia, hoxe xa se prevé que estea ocupado co novo centro de atención á terceira idade que o Goberno da Xunta está a construir logo de tirar as edificacións do antigo hospital.
Por se esta falta de ubicación fora pouco, o certo é que o Proxecto de Presupostos Xerais do Estado presentado nas últimas semanas, tampouco inclúen ningunha partida para a creación desta nova infraestructura.
Por iso, a voceira de Cs no Concello de Lugo, Olga Louzao, informaba esta mañá que o seu grupo viña de presentar unha emenda ao proxecto dos orzamentos para 2022 co obxectivo de que no documento definitivo se inclúa unha partida coa consignación necesaria para comezar as obras de edificación da nova comisaría da Policía Nacional na cidade das murallas.
Segundo explica Louzao as instalacións da actual Comisaría non reúnen as condicións óptimas para o desempeño completo dos labores que realizan os axentes do Corpo. Do mesmo xeito, di a da formación laranxa, a calidade da atención á cidadanía vese condicionada pola falta de espazo. Unha realidade que tamén foi recoñecida polas asociacións policiais ou mesmo membros da estrutura xerárquica do CNP ou do Ministerio do Interior.
Louzao instou o Goberno local a establecer un dialogo co Ministerio para facilitar e axilizar a consecución dos terreos necesarios co obxectivo de que a nova comisaría teña a mellor situación estratéxica posible dentro do noso centro urbano. “Existía un consenso na cidade para a construción da nova comisaría nos terreos nos que se situaba o antigo hospital da cidade, propiedade do INSS e cedidos á Xunta, onde están previstas ademais distintas dotacións de carácter socio-sanitario a acometer por parte da Administración galega. Con todo dita localización é inviable a día de hoxe debido a que devanditos terreos ocuparanse con outro tipo de servizos, como a cuestionada planta de biogas. Por iso é necesario acordar entre as distintas administracións unha nova localización”, afirmou.
A portavoz de Cs no Concello sinalou que a aceptación de emendas como esta en Lugo condicionará o voto da formación a nivel nacional. “Desde os Orzamentos Xerais do Estado de 2016 ata os de 2021 fóronse incluíndo diferentes partidas para realizar os estudos previos e avanzar na construción da nova comisaría da Policía Nacional na cidade, pero ata a data a intención política foi nula e o Goberno non deu nin un só paso para desenvolver este proxecto. No actual proxecto de PGE 2022 non se fixa consignación económica algunha para esta obra, que é necesario incluír coas partidas suficientes para que a nova comisaría sexa unha realidade nun prazo breve de tempo. Esiximos determinación política neste asunto. Non valen escusas nin a nivel local nin a nivel nacional”, concluíu.