Os cine Codex colgaron o cartel de completo na tarde de onte coa estrea do documental “Julia”, que rinde homenaxe a todas as nosas avoas e o seu inquebrantable legado. Tras unha viaxe que a levou por 15 prestixiosos festivais de cine en tres continentes, “Julia” regresou ao seu lugar de orixe para o seu esperado lanzamento nos cines Codex de Lugo que contaron coa presenza do seu director, o lucense Jacobo Lagüela.
Logo do éxito de onte, os Codex Cinema volverán a proxectar o documental o xoves, venres e sábado da semana que ven.
Despois desta estrea tan esperada, “Julia” comezará unha nova etapa do seu percorrido para ser proxectada en escolas, concellos e asociacións culturais de todo o país. Este conmovedor produto audiovisual busca chegar a aqueles lugares onde a súa mensaxe e a súa historia poidan inspirar e emocionar a xente nova e maiores do rural e da urbe.
O documental é un percorrido pola vida de Julia e invita aos espectadores a embarcarse nunha viaxe lenta entre pasado e presente. Este documental feito ao longo de 8 anos do director xunto coa súa avoa, é memoria artística e unha chamada de atención; se esquecemos de onde vimos, nunca saberemos a onde imos. Julia documenta a extinción e abandono do rural como o coñecemos a través dos ollos da súa protagonista, unha muller de 87 anos de idade coa esperanza de salvar as súas raíces e de comunicar a importancia das mesmas ás xeracións que están por vir. “…Elas foron as heroínas e as escravas dun sistema que as obrigaba a traballar fora e dentro da casa, cargando unha responsabilidade e representando unha filosofía que aínda vertebra os valores da nosa sociedade. ¿e ti, lembras de onde ves?”