A Xunta de Galicia e O Concello de O Corgo son os patrocinadores da XVII edición de Folk no Río, que se celebrará na área recreativa de Chamoso, no municipio do Corgo, esta fin de semana, con cinco actuacións durante o sábado e o domingo. O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, participou hoxe na presentación da iniciativa xunto co promotor, Eloi Caldeiro, e o alcalde do Corgo, Felipe Labrada.
Ros, a nova proposta do músico catalán Ricard Ros i Roig, abre a programación do festival o sábado ás 21.00 horas, unha actuación á que lle seguirá a do cántabro Manuel Luna e a do grupo galego Brath, que pechará a xornada do sábado. O domingo, ás 13.30 horas, Folk no Río continuará da man da banda Korrontzi, de Euskadi, ao que seguirá o Festival de música e baile tradicional organizado pola Asociación Legua Dereita, nunha xornada que rematará coa actuación do artista canario Miguel Alfonso, unha vez rematado o Festival de música e baile tradicional. Tamén haberá unha exposición de artesanía e maquinaria agrícola clásica.
Arias apuntou que “este tipo de festivais xogan un papel fundamental na dinamización cultural e turística dos concellos da provincia, en especial no marco deste dobre Ano Santo”. Nese sentido, salientou a aposta da Xunta por “descentralizar a programación e impulsar ou apoiar actividades que cheguen ao máximo número de localidades e á maior cantidade de xente posible”.