O festival ‘Presto! Maxia en Nadal’ que comezou esta tarde na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, inclúe espectáculos unipersoais a cargo de tres dos magos con máis renome a nivel nacional.
O evento comezou coa actuación do Mago Rafa, ao que seguirán os números de Adrián Carratalá -mañá venres- e de Dani Polo –o sábado-. Todos os espectáculos comezan ás 18.30 horas e teñen unha duración aproximada dunha hora.
O Mago Rafa e o Goberno galego organizan conxuntamente o festival, ao que se convidou aos escolares de Educación Primaria do municipio de Lugo, co obxectivo de promover a cultura, a diversión e o entretemento familiar durante estas datas de Nadal.
Magos de renome nacional
O Mago Rafa, o ilusionista lucense que creou a primeira escola da maxia en Galicia en 2007 e que, ademais da súa faceta como artista, é produtor e organizador de festivais de maxia coma este, cos que consegue levar a ilusión a un público cada vez máis amplo.
Mañá venres será a quenda de Adrián Carratalá, un dos magos máis creativos do noso país, tres veces campión de España e vencedor en 2019 do prestixioso programa de televisión estadounidense ‘Penn and Teller Fool Us’.
O festival pecharase o sábado coa actuación de Dani Polo, artista polifacético que foi recoñecido do Premio Nacional de Maxia e galardoado co premio Ali Bongo como mago novo revelación en Europa.