O Foro do Camiño Primitivo denuncia irregularidades na urbanización da esquina  de San Roque

Os colectivos que conforman o Foro do Camiño Primitivo veñen de emitir un comunicado onde explican que “denunciamos diante do Concello de Lugo, en dous escritos presentados no pasado mes de xuño (aos que non obtivemos resposta), graves irregularidades que afectan as obras que se están a realizar na esquina entre as rúas San Roque e Carril das Flores (Camiño Primitivo), solicitando a súa inmediata paralización. Estas obras estanse a realizar actualmente fóra do prazo concedido ao efecto (establecido en seis meses na resolución de aprobación do proxecto de urbanización, publicada no BOP de Lugo o 20 de outubro de 2021), sen reunir os requisitos e garantías necesarias para salvagardar o patrimonio arqueolóxico que se puidera ver afectado, e vindo definidas nuns documentos (Modificación do Plan Especial do Conxunto histórico de Lugo -en diante PEPRI- e proxecto de urbanización do quinteiro 214-A, aprobados o 31.01.2019 e 06.10.2021, respectivamente) os cales incumpren a normativa de accesibilidade. Ditos documentos técnicos non só contemplan a reurbanización do tramo do Camiño Primitivo adxacente ao quinteiro 214-A, senón a súa reconfiguración en planta e en perfil, alterando as aliñacións e rasantes actuais desta vía”.

O comunicao dos colectivos prosigue afirmando que “deste xeito, ambos documentos estendéronse sobre unha vía pública (Carril das Flores/Camiño Primitivo) exterior ao ámbito no que o PEPRI lles facultaba a actuar (terreos privados edificables do quinteiro 214A), sen que os servizos técnicos do Concello tiveran feito reparo ningún a tal irregularidade. Por outra banda, o proxecto de urbanización tampouco é concordante, como debera, coa Modificación de planeamento previamente aprobada, no que atinxe á pendente resultante no Camiño Primitivo/Carril das Flores (maior na modificación de planeamento que no proxecto de urbanización) e ao muro que actualmente salva o nivel entre o Carril das Flores e a rúa Montero Ríos (a modificación prevía a construción dun novo muro nunha posición distinta ao actual, en tanto que o proxecto de urbanización da a entender que se manterá na súa posición actual)”. Segundo o Doro do camiño Primitivo, “a normativa de accesibilidade vixente (art. 39 da Lei galega 10/2014 de Accesibilidade e art. 63 do decreto autonómico 35/2000) establece o deber de xustificar expresamente o cumprimento de dita normativa nos planeamentos urbanísticos, así como o deber dos Concellos de esixir e verificar dito cumprimento como requisito para a súa aprobación, deberes ambos incumpridos de forma manifesta na tramitación da modificación do PEPRI e do proxecto de urbanización que afectan ao quinteiro 214-A, en cuxos expedientes non consta advertencia ningunha nos informes emitidos polos servizos técnicos municipais. Na actualidade, o desnivel existente no tramo afectado do Camiño Primitivo/Carril das Flores sálvase mediante un tramo cunha pendente sensiblemente uniforme próxima ao 11,16%. Na Modificación do PEPRI proponse un novo trazado lonxitudinal, no que a práctica totalidade do desnivel existente sálvase nun subtramo de lonxitude notablemente menor ao da dita fronte, o que se traduce nun incremento moi considerable, -mais de 2 puntos porcentuais-, da pendente actual en dito tramo, do que resultaría unha pendente aproximada do 13,38 %. Esta proposta de incremento de pendente, coa que se empeoran aínda máis as actuais condicións de accesibilidade nunha rúa cuxa pendente excede as pendentes máximas establecidas nas normas de accesibilidade vixentes1 , no só contravén de xeito manifesto dita normativa, ao tempo que resulta especialmente grave, ao afectar a unha rúa cunha importante función peonil -non só como vía de peregrinación senón tamén de acceso ao centro histórico desde barrios exteriores ao mesmo- e a un tramo da mesma de carácter moi singular -tramo inmediatamente previo á entrada na cidade histórica-, e discordante con documentos estratéxicos como a Axenda Urbana Española 2019, tanto no que atinxe aos obxectivos en materia de mobilidade como daquelas perspectivas que velan pola protección de grupos sociais con necesidades específicas (mulleres, persoas con mobilidade reducida, etc.). A indebida aprobación dos citados documentos urbanísticos por parte do Concello faculta ao promotor a executar a urbanización nas condicións que neles se definen, o que traería como consecuencia a imposibilidade de recibir unhas obras de urbanización que incumpren de xeito flagrante a normativa de accesibilidade”. Desde o Foro do Camiño Primitivo tampouco teñen constancia de que o Concello “estea a adoptar as medidas necesarias para salvagardar o patrimonio arqueolóxico que se puidera ver afectado, nunha zona de fertilidade arqueolóxica acreditada polos achados descubertos nas proximidades co gallo doutras obras. Fixéronse remocións de terras que afectan ao subsolo do quinteiro 214A, sen que haxa constancia real de control municipal ningún, non constando a presenza dos arqueólogos do Concello. A principios da segunda semana do mes de xuño, a cidadanía lucense mesmo puido observar como dentro do quinteiro quedaron ao descuberto muros pétreos de presumible interese ou valor arqueolóxico, muros que motivaron a curiosidade dos transeúntes (imaxe de abaixo) e que foron rapidamente ocultados (imaxe darriba). 1 O Decreto autonómico 35/2000 (base 1.1.2.B do Código de Accesibilidade) establece unha pendente máxima do 8% para itinerarios adaptados e do 10 % para itinerarios practicables. A normativa estatal (Ordes VIV/561/2010 -art. 5.2.h)- e TMA/851/2021 -art. 5.2.g) establece unha pendente máxima do 6 % para itinerarios peonís accesibles) A maiores, as obras en execución levan máis de tres meses ocupando parcialmente a vía pública sen contar cos preceptivos carteis, requiridos polas ordenanzas municipais (cartel onde deben figurar o tempo de ocupación autorizado e as dimensións do espazo público ocupado) e pola normativa urbanística (cartel con identificación das obras que se están a acometer, e dos responsables da súa dirección e supervisión -art. 357.6 do Decreto 143/2016 polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016 do solo de Galicia). E por todo isto, tendo expirado o prazo de execución das obras e advertíndose que a urbanización proposta traería como consecuencia un incumprimento grave da normativa de accesibilidade no tramo afectado do Camiño Primitivo e a imposibilidade posterior de recibir tales obras por parte do Concello, foi polo que se solicitou á máxima autoridade municipal a paralización inmediata de ditas obras en tanto non se emenden as deficiencias detectadas e se garanta o mantemento das actuais condicións de accesibilidade no dito tramo. Así mesmo, solicitouse que se adoptaran as medidas pertinentes para salvagardar os restos arqueolóxicos merecentes de protección, requirindo a inescusable inspección e supervisión das obras por parte dos arqueólogos municipais”. Rematan.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com