A Xunta de Goberno da Deputación aprobou a solicitude da Sociedade Club de Caza e Pesca da Fonsagrada de prórroga no prazo de funcionamento do primeiro centro público en Galicia de despece de carne cinexética, que construíu e equipou en solitario o Goberno da Deputación na localidade fonsagradina con máis de 600.000 euros.
O Deputado de Cooperación cos Concellos e Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, explicou que o único pendente para pór en funcionamento estas pioneiras instalacións é a concesión por parte da Xunta de Galicia dos permisos de Sanidade e Medio Ambiente. Por este motivo, a Sociedade Club de Caza e Pesca pediu dita ampliación ata o 31 de decembro no prazo para a posta en marcha do centro.
O Goberno da Deputación construíu o centro con 264.000 euros. Fíxoo nunha finca de 800 metros cadrados, situada na rúa Rodas da Fonsagrada. Logo achegou outros 352.000 euros á adquisición e instalación do equipamento especializado para o despece, almacenaxe, conxelado ou embalaxe da carne.
O inmoble, que supera os 500 metros cadrados, divídese en dúas plantas de 253 metros cadrados cada unha delas. Na planta baixa conta cos medios necesarios para desenvolver os traballos de despece e no semisótano os do seu posterior tratamento, pois conta con cámaras de conxelación de 25 metros cadrados, de embalaxe de 45 metros cadrados ou dunha zona de venda ao público de 13 metros cadrados.
É o primeiro centro público de despece de produtos cinexéticos de Galicia xa que, na actualidade, só existe un de características semellantes no coto de Xares, en Ourense, que é privado. A súa xestión correspóndelle a dita sociedade de cazadores da Fonsagrada, que conta con máis de 500 socios, tras o convenio de colaboración que o Goberno da Deputación asinou coa mesma.
Trátase dun proxecto que busca impulsar a economía e o emprego coa comercialización de produtos cinexéticos para o que se está a desenvolver un selo de calidade e de marca propia. Hai que ter en conta que só na Fonsagrada se cazan 500 xabarín ao ano polo que se entende que este é un sector pouco aproveitado ata o momento e con moitas oportunidades económicas para a provincia de Lugo.