O futuro contrato da limpeza e lixo do Concello de Lugo minorará a contaminación acústica consumos de enerxía e auga

Os pregos do novo contrato de recollida de lixo e de limpeza do Concello de Lugo, será segundo o edil responsable da área Álvaro Santos, “un servizo eficaz, axeitadamente dimensionado e baseado na xestión sostible. Este novo contrato duplicará o seu custo anual, pasando de 7 a 13 millóns de euros, como principal mostra da evolución e aumento da calidade que experimentará”. De forma parella ao incremento das dotacións e do cadro de persoal que xa contempla así como á modernización dos equipamentos e do sistema operativo, os pregos, aprobados pola Xunta de Goberno Local esta mesma semana, recollen numerosas esixencias entre as que destacan o respecto e coidado do medio ambiente pero tamén a conciliación da realización das tarefas na vía pública co descanso e o benestar da cidadanía. “Trátase de que a prestación se realice da forma máis beneficiosa para a veciñanza e a contorna acadando un menor impacto ambiental, ben sexa polos métodos empregados, ben pola xestión dos produtos, dos recursos e dos residuos que se orixinen”, sinalou o edil Álvaro Santos.

O responsable de área detallou así que, dentro das melloras que deben ofertar as empresas que concorran á convocatoria figuran, entre outras, a minoración da contaminación acústica e das emisións e a diminución dos consumos de auga e enerxía. “Primaremos a sostibilidade no uso de produtos e envases; aqueles que sexan reutilizables, biodegradables, reciclables ou valorizables, que conten con eco-etiqueta, distintivo ecolóxico ou certificado de baixa toxicidade, preferentemente os que se tiveran elaborado respectando os dereitos básicos no traballo e cunha política comprometida coa prevención de riscos laborais”, referiu. “Ademais, apostamos por aplicar tecnoloxías máis eficientes e operativos menos agresivos – matizou Santos – o que implica, para a concesionaria que asuma a licitación, a obriga de pór en marcha múltiples medidas que redunden no bo comportamento ambiental de todas as prácticas que se desenvolvan”. O concelleiro subliñou que garantir o illamento térmico e sonoro e reducir a polución son dúas das premisas fundamentais das novas bases. “Toda a maquinaria deberá ser sometida a un exhaustivo control e mantemento en prol da emisión mínima de gases efecto invernadoiro durante a realización dos traballos ao tempo que se incorporen outras pautas ou rutinas como a obriga de ter os motores en funcionamento só o tempo estritamente necesario para o desenvolvemento da actividade de maneira que, cando vaian estar parados máis de tres minutos, terán que apagarse. Os vehículos, que deberán ser de gas natural, eléctricos ou híbridos, circularán a pouca velocidade, sen realizar aceleracións bruscas e, ante condicións de vento forte, haberá que evitar, na medida do posible, a realización de operacións e o uso de substancias que poidan xerar poeiras”, detallou Álvaro Santos. Pola contra, o aforro nos consumos será valorado positivamente, coa imposición de previr e xustificar os mesmos e a obriga de empregar sistemas economizadores de auga como temporizadores ou o control de fugas. Unha premisa que se estenderá a todas os departamentos, incluso no relativo ao material de oficina empregado nas instalacións. “O servizo, ao completo, debe dispor de diferentes ferramentas de xestión ambiental, aplicando plans de enerxías renovables e rexeitando a utilización de calquera elemento que produza algún prexuízo ao ecosistema ou que se comporten como residuos tóxicos e perigosos – engadiu o edil – até o punto de que teremos en conta que mesmo os uniformes de traballo estean compostos de fibras naturais”. En canto á trazabilidade dos refugallos, Santos Ramos avanzou que terán prioridade os xestores en función da súa proximidade á orixe do detrito e que, polo tanto, proporcionen unha solución máis sustentable respecto ao transporte e abordaxe dos mesmos. “Indicacións, todas elas, que se guían pola transversalidade do modelo de cidade que impulsa o goberno de Lara Méndez, na procura desa segunda gran transformación que experimentará Lugo e que, dende logo, se inspira na vontade de preservar e manter a calidade dos recursos velando polos equilibrios naturais e, en definitiva, polo futuro. Boas prácticas que perseguen ademais unha concienciación social e un cambio de hábitos en consonancia non só coas esixencias gobernamentais senón tamén coa obriga persoal e colectiva de cada un de nós de deixarlle ás vindeiras xeracións, un mundo mellor”, concluíu Álvaro Santos.

Novas relacionadas

  1. Oscar Poy
    Xul 26, 2020 - 10:12 AM

    Do que, supoño, podemos deducir que, ata o de agora, o servizo non era eficaz, non se arropaba axeitadamente dimensionado e non estaba baseado nunha xestión sostible… Pero levábamos anos pagando varios millóns de euros ao ano por iso!!! 🤷‍♂️

    Por certo… Xa expricaron cómo han pagar o novo contrato: Subindo a factura dos veciños? Recortando en outras partidas orzamentarias?

    Reply
  2. Mari Dominguez
    Xul 26, 2020 - 04:06 AM

    Moito paripé, e todo Cheo de 💩

    Reply
  3. Beatcris Kiddo
    Xul 26, 2020 - 01:17 AM

    Esperemos que mellore a limpieza da cidade, que desde fai un tempo deixa muito que desexar…

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com