Antonio Ameijide Antonio Ameijide

O GMPP afirma que o goberno exclúe do repintado o 71% das rúas recomendadas polos técnicos

O edil popular Antonio Ameijide criticou  esta mañá en rolda de prensa que o goberno local vaia excluír do repintado de sinalización horizontal máis do 70% das rúas recomendadas polos técnicos municipais nos seus informes técnicos, polo que urxiu aos socialistas a intervir no resto de puntos que quedan á marxe.

Nesa liña, o responsable de Tráfico e Mobilidade do Grupo Municipal do Partido Popular indicou que, das 164 vías nas que o criterio técnico aconsellaba actuar, só se vai intervir finalmente en 47. “Pero se xa é grave que unicamente repinten o 29% dos puntos, máis o é que barrios  enteiros da cidade queden sen nin unha soa actuación”, explicou Antonio Ameijide,  posto que das catro zonas nas que dividiron os empregados municipais a cidade “queda unha enteira, que inclúe a totalidade de barrios como A Milagrosa, A Residencia, A Piringalla, A Ponte, A Louzaneta, O Carme, A Cheda, Garabolos, O Castiñeiro ou Lamas de Prado, na que non se vai pintar nin unha soa liña”.

Deste xeito, Antonio Ameijide alertou de que”esta decisión pon de manifesto serias incongruencias como é o feito de que mentres se repinten puntos de carga e descarga que non provocan riscos, moitos cruces perigosos de diversos barrios ou pasos de peóns totalmente borrados quedarán sen ningunha actuación”.

Entre as actuacións máis urxentes que seguirán estando pendentes, o popular citou a da intersección entre Santo Grial e Mar Cantábrico, un punto no que se produciron numerosos incidentes.

Asemade, o popular aproveitou a súa comparecencia para criticar “a  permisividade” do goberno diante das empresas que realizaron obras na cidade, “debido ao rápido deterioro” do repintado da sinalización horizontal. Nese senso, puxo como exemplo a situación da Ronda das Fontiñas, que “á semana seguinte de abrirse de novo ao tráfico tras a repavimentación xa tiña os pasos de peóns lixeiramente borrados, unha situación que se continúa agravando día a día”.

Doutra banda, Ameijide tamén cualificou de “ilóxico que o goberno socialista non aproveite a campaña de repintado para darlle cumprimento a algún dos acordos plenarios da materia”. Nese senso, o edil de Tráfico considerou “unha oportunidade perdida que o goberno local vaia repintar a confluencia entre San Eufrasio e Ronda das Fontiñas, sen dar resposta e sen cumprir o acordo plenario adoptado a instancias do PP para mellorar a seguridade e a comodidade nese punto, mantendo o grao de perigo que presenta o cruce na actualidade”.

Por último, o edil popular lembrou que o repintado da sinalización horizontal foi un dos puntos nos que máis insistiu o GMPP e que logrou incluír no acordo co goberno para a aprobación do Plan de investimentos  dos remanentes “hai máis dun ano”. “Resulta moi difícil de comprender que en 13 meses, dende xuño de 2014, foran incapaces de aprobar algo  tan sinxelo como este contrato, que non adxudicaron ata este mes de xullo de 2015”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com