O concelleiro do Grupo Municipal do PP, Antonio Ameijide, destacou o “pouco realismo e rigor” do goberno socialista en materia económica. O popular refírese ao baixo grao de execución do orzamento que debería estar executado nun 100% indicando que “con data 31 de decembro o 28,45% do orzamento seguía sen executar deixando sen investir en Lugo preto dun terzo en infraestruturas, mantemento e servizos”.
Tras analizar a xestión económica do Concello durante o pasado 2015, “comprobamos como Lugo volve a bater récords de empresas que traballan para administración local con contratos caducados”. Antonio Ameijide insiste en que “hai que ser máis firmes para corrixir esta situación de irregularidade administrativa e na que se atopan numerosos servizos que seguimos pagando con reparos de Intervención”. Dacordo co análise da Conta Xeral de 23 servizos que citan, 11 están sen contrato e 4 próximos a caducar.
O popular tamén advertiu ao goberno local que debe baixar a presión sancionadora aos lucenses que confirma o afán recadatorio do equipo socialista.