Duras críticas de PP e Lugonovo ao Goberno Municipal logo da celebración da Comisión Especial de Contas

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, denunciou esta mañá en rolda de prensa “pagos do Concello en 2014 por importe de case 10 millóns de euros a un total de 10 empresas privadas sen contrato en vigor, tal como pon de manifesto o informe de Intervención que acompaña á Conta Xeral de 2014” e que foi presentado na Comisión Especial de Contas desta mañá previa ao pleno extraordinario do vindeiro martes 13 de outubro.

En opinión do voceiro popular, este informe “confirma claramente o que levamos dicindo dende hai anos”, ao tempo que Castiñeira cualifica de “escandalosa” a cifra acadada o ano anterior, e que supón que se pagan unha media de máis de 27.000 euros diarios nestas circunstancias.

Asemade, o popular incidiu en que “non estamos só a falar da obriga legal que ten o Concello de ter contratos en vigor que respalden eses pagos, senón que previsiblemente aforrariamos moito diñeiro” froito da licitación dos correspondentes servizos. Deste xeito, aplicando unha rebaixa media dun 20 ou 30% respecto do prezo actual do contrato, podemos cifrar en, como mínimo, 2,5 millóns de euros o importe que só en 2014 tirou, malgastou e derrochou o goberno socialista”.

Nesa liña, Jaime Castiñeira incidiu en que “o tempo demostrará que temos razón, se é que algún día a nova alcaldesa é capaz de sacar adiante todos estes contratos, posto que é indubidable que estamos a pagar prezos moito máis elevados do que corresponde”.

Ademais, o voceiro popular fixo fincapé na situación do ciclo da auga, na que a empresa que se ocupa da xestión da depuradora e da potabilizadora leva facturando sen contrato dende hai case catro anos e máis de catro anos e medio, respectivamente. A ese respecto, indicou que “cando o goberno fala de que a auga ten déficit, o que debera dicir é que no Concello de Lugo hai un déficit de gobernabilidade, que supón que teñamos que pagar por este servizo máis do que custa”.

Segundo o informe de intervención, ao longo de 2014 interpuxéronse reparos de legalidade por doce servizos, “e entre eles, atópanse tres das catro empresas que máis lle facturan ás arcas municipais (a que se ocupa da depuradora e a potabilizadora, a do transporte público e a da iluminación), xa que o Concello lévalles pagado dende que caducaron os seus contratos 5.515.122,36 euros á da potabilizadora, 5.490.748,23 euros á da depuradora, 2.853.608,61 euros á do transporte público e 1.908.226,86 euros á da iluminación pública”.

Por último, o popular anunciou durante a súa comparecencia que “igual que fixemos coa ORA, iniciaremos e promoveremos todas as iniciativas que sexan necesarias para que canto antes se contraten os servizos”. Nesa liña, apuntou que “seguiremos falando cos outros grupos da oposición para instar ao goberno a que traballe nesta materia e que adopte todas as medidas precisas para legalizar a situación”.

Na mesma liña, a valoración do voceiro de Lugonovo, Santiago Frenández Rocha afirma que hai “ducias de facturas con reparos, por un importe que supera o millón de euros”, e que para o Grupo Municipal Lugonovo, evidencian un déficit moi acusado da xestión económica que fixo a anterior executiva local e son agora un lastre para o actual equipo de goberno.

“Parécenos unha neglixencia ter deixado que expiren tantas concesións. Dende o primeiro momento, en Lugonovo apuntamos a necesidade non só de supervisar e controlar con rigor a calidade e a prestación dos servizos externalizados senón tamén de operar ca previsión necesaria para adiantarse á súa caducidade. Compre axilizar a redacción dos futuros pregos de condicións e asinar, canto antes, os novos contratos pero compre sobre todo facelo tendo en conta a realidade actual do municipio e priorizando, por unha vez, os intereses dos veciños”.

Acadar unha maior eficacia do transporte urbano, un maior rendemento da planta potabilizadora e da estación de augas residuais e mesmo unha adecuada estruturación e organización do cadro de persoal, ca aplicación da productividade axeitada, son cuestións fundamentais para Lugonovo que merecen ser abordadas con prontitude e obxectividade pero tamén co apoio e consenso de toda a Corporación.

O voceiro de Lugonovo insta ao Concello a “traballar con trasparencia en tódalas áreas nas que estas concesións xa finalizaron ou están a piques de facelo. Esta administración carga co peso de moitas sospeitas de corrupción, nalgúns dos convenios que agora rematan planea aínda a sombra de tramas investigadas xudicialmente e por iso consideramos que sería un erro gravísimo, por parte do goberno, non fixar canto antes un plan de ruta e dirixilo con determinación, claridade e diálogo, alonxando a súa execución de toda dúbida ou sospeita”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com