A concelleira popular Isabel Devesa afirmou esta mañá que sospeita que “se puido vulnerar o principio de libre concorrencia e igualdade de oportunidades dos licitadores ao triplicar o caudal da explotación meses despois da firma do contrato “e tamén pide que se revise os prazos de presentación de documentos”.
Isabel Devesa sinalou que “esta adxudicación foi un despropósito dende o primeiro momento xa que mesmo se licitou a concesión da explotación da fábrica da luz cando o Concello nin sequera era titular do dereito de aproveitamento de caudal”.
Os populares afirman que os socialistas “en vez de recuperar, rendibilizar e poñer en valor estas instalacións municipais sigan empeñados en regalar un patrimonio municipal a unha empresa privada por un canon de 455,75 € mensuais durante 38 anos”.
O Grupo Popular está á espera de que o goberno facilite o acceso ao expediente completo da adxudicación. “Agora non ten desculpas para impedir que analicemos a esta información xa que o xulgado lles devolveu o expediente investigado na operación Pokemon”.