O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular Antonio Ameijide pide ao goberno local que recupere o sistema de préstamo municipal de bicicletas, “en estado de total abandono dende que deixou de estar operativo hai case catro anos, en decembro de 2011” e que, paralelamente, se oriente tamén a turistas.
Ameijide explica que “non abonda só con retomar este programa cuxa instalación custou 117.600 euros”, senón que tamén propón, co obxectivo de fomentar este medio de desprazamento como alternativa, “implantar a gratuidade total para os veciños censados en Lugo, se ben con algunha garantía de fianza empregado unha tarxeta de crédito”, así como ampliar o número de bases dispoñibles, multiplicando as cinco actuais.
Por outra banda e tamén no marco da recuperación do programa, os populares suxiren a adquisición de bicicletas eléctricas, “pensando nas persoas que teñen maiores dificultades de mobilidade”, así como que o goberno municipal estude a posibilidade de instalar un sistema de videovixiancia que garanta “a seguridade e permanencia” do Rebicíclate.
Asemade o edil popular suxire ampliar o Rebicíclate para os turistas, de xeito que se implante un sistema “cómodo e inmediato” que permita aos visitantes “usos puntuais”. “Falamos dunha alternativa que existe en moitas outras cidades”, subliñou Ameijide, quen indica que “fronte á gratuidade para os lucenses, aos turistas si se lles podería cobrar unha taxa simbólica para contribuír ao mantemento do programa”.