A Xunta de Goberno deste mércores aprobou a creación dun Consello Municipal de Turismo, que desenvolverá iniciativas e liñas estratéxicas para potenciar este sector. Así o indicou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen subliñou que a creación deste órgano responde a importanica do turismo como motor económico para a cidade, un sector que no pasado 2015 rexistrou un incremento do 8,5% en rendibilidade hoteleira e un 3,5% en emprego turístico.
Fernández avanzou que “neste órgano participarán tanto as Administracións Públicas con competencias en materia turística como as organizacións máis representantivas do sector turístico, sindical e aquelas outras institucións públicas ou privadas que se determinen, co obxectivo de unir forzas, crear sinerxias e coordinar estratexias para aproveitar a gran riqueza cultural, histórica, patrimonial e arqueolóxica en favor do desenvolvemento económico do Concello”.
Entre os obxectivos do Consello destaca a promoción e estímulo do sector turístico de calidade e accesible, o impulso da desestacionalización do sector turístico, a diversificación da oferta, impulsar o sector como xerador da riqueza elevando a estancia media, garantir a sostibilidade do desenvolvemento turístico e a difusión do patimonio cultural de Lugo, a colaboración coa Universidade nos programas de investigación e desenvolvemento turístico, promoción de Lugo como destino turístico de calidade, a planificiación e deseño de accións sobre recursos turísticos para facer un turismo accesible, potenciación da ensinanza do turismo e a formación e o perfeccionamento das/dos profesionais do sector, así como o desenvolvemento de infraestruturas turísticas no ámbito de competencia municipal e o fomento do coñecemento do patrimonio cultural, histórico, natural do Concello de lugo por parte da cidadanía.
A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua elaborará o regulamento de creación e funcionamento do Consello Municipal de Turismo, determinando o obxecto, funcións e competencias, fins e obxectivos, composición e funcionamento deste organismo.
Asemade, a Xunta de Goberno acordou adxudicar á mercantil Valoriza Servicios a la Dependencia S.L., a contratación do servizo de axuda no fogar do Concello de Lugo por un prezo total para a anualidade do 2016 de preto 2,2 millóns de euros. O prazo de execución do servizo será de 2 anos, podendo ser prorrogable por períodos máximos anuais por acordo do órgano de contratación, sen que a duración total do contrato, incluídas as prórrogas, poida exceder de 4 anos.
O horario de prestación do servizo ordinario será de luns a sábado en horario de 07:00 a 22:00 horas, sempre que sexan laborais; e en servizo extraordinario, de 22:00 a 07:00 horas de luns a sábado, os domingos e os festivos as 24 horas. A duración da prestación do servizo nunca será inferior a 30 minutos diarios, e prestarase nun máximo de 3 franxas horarios diarias, debendo respectar, sempre que sexa posible, a vontade da persoa beneficiaria.