O Goberno aproba o proxecto de desdobramento da avenida Infanta Elena

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao voceiro municipal, Miguel Fernández, e o Deputado provincial de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, presentou esta mañá o proxecto de desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena, tras ser aprobado na Xunta de Goberno, unha actuación que afecta, nesta primeira fase, ao tramo dende o enlace da vía coa Ronda Norte ata a glorieta 25-N, situada xunto á área comercial, e que transformará unha das arterias de comunicación máis importantes de Lugo, cun tráfico diario superior aos 8.400 vehículos, cun índice de 711 vehículos pesados ao día, e moi utilizada polos peóns. Infanta Elena é de feito o principal acceso á zona norte da cidade e comunica o centro cos polígonos do Ceao e As Gándaras, e coa A-6 e a N-VI.

O desdobramento e humanización desta vía suporá unha “mellora substancial da seguridade viaria e accesibilidade de conductores, viandantes e ciclistas”, segundo explicou a Alcaldesa, porque pasará a ter entre dous e tres carrís de circulación por cada sentido, unha rotonda á altura da avenida Paulo Fabio Máximo, carrís bici, beirarrúas, iluminación LED, mobiliario urbano e arboredo en todo o percorrido. “É, polo tanto, un proxecto central dentro noso modelo de cidade, co que buscamos un Lugo máis cómodo, accesible e humano, con máis e mellores espazos públicos para uso público”, subliñou Lara Méndez.

Estas obras son froito dun convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación de Lugo, no marco “da debida e sempre beneficiosa colaboración institucional”, apuntou a rexedora. A entidade provincial achegará o financiamento necesario, de 1,4M€, e ocuparase da contratación das obras, que contan cun prazo de execución unha vez iniciadas de 12 meses.

No tramo que vai do enlace da Avenida Infanta Elena coa Ronda Norte ata a avenida Paulo Fabio Máximo pasarase dunha vía de 11ms de ancho, con un único carril por cada sentido de circulación, sen beirarrúas e sen alumeado, a unha estrada de 30ms de ancho. Na marxe dereita terá dous carrís de circulación de vehículos sentido O Ceao e un carril bici con ambos sentidos de circulación, segregado do tráfico rodado. Na marxe esquerda terá tres carrís de circulación, en sentido centro da cidade. Crearanse beirarrúas a ambas marxes, que contarán
con arboredo, bancos e papeleiras, e unha mediana de 1,40ms con céspede e arboredo.

Coas obras previstas, pasarase da actual intersección regulada por semáforos a unha rotonda en Paulo Fabio Máximo, para favorecer a seguridade e fluidez do tráfico. Na marxe dereita –en sentido O Ceao- darase continuidade ao tránsito peonil e de bicicletas, urbanizando a sección completa ata o paso de peóns e de ciclistas, e conectando coa calzada existente. Na marxe esquerda, darase continuidade tamén ao itinerario peonil coa adaptación do paso de peóns existente.

Esta parte da vía está completamente urbanizada e conta con 30 metros de ancho, as mesmas dimensións que as que terá despois das obras o tramo que vai dende o enlace coa Ronda Norte a Paulo Fabio Máximo. Polo tanto, o obxectivo do proxecto neste caso é darlle continuidade ao trazado e circulación de peóns, bicicletas e vehículos, redistribuíndo o espazo das calzadas para que quede igual que o treito Ronda Norte-Paulo Fabio Máximo.

O trazado do carril bici contemplado permite conectar coa parcela na que o Concello proxecta o edificio Impulso Verde, o primeiro público de Galicia construído con madeira galega, un proxecto enmarcado no plan Life Lugo+Biodinámico financiado con fondos europeos que impulsa o desenvolvemento urbano sostible e a economía verde.

Paralelamente, o Goberno traballa no proxecto de expropiación dos terreos necesarios para acometer esta primeira fase do desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena, que, cunha lonxitude de 532 metros, afecta a 37 fincas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com