O polígono das Gándaras contará cun souto de castiñeiros autóctonos

A Xunta de Goberno deste mércores aprobou fóra da orde do día o proxecto de establecemento dun souto de castiñeiros con variedades galegas, dentro do programa europeo Lugo+Biodinámico, que conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros, financiado nun 50% con fondos do plan LIFE e noutro 50% polo Concello, Deputación, Universidade de Santiago e Universidade Politécnica de Madrid. Ten un orzamento de 28.800 euros e un prazo de execución de 6 meses.

O Voceiro municipal, Miguel Fernández, explicou que “este souto de castiñeiros, que se desenvolverá na parte das dotacións locais de zonas verdes públicas no polígono industrial das Gándaras, ocupará 3,6 hectáreas e estará formado con variedades galegas recomendadas para a comarca, concretamente parede ou branca, garrida, ventura e negral, enxertadas sobre patróns híbridos resistentes á tinta, e distribuídas en liña, segundo indicacións do persoal da USC”. Realizarase tamén un peche perimetral con malla cinexética e portas de madeiras de dobre folla para permitir o fácil acceso. Ademais procederase á colocación de 2 paneis descritivos, papeleiras ou bancos de madeira, entre outros.

Este souto é unha das actuacións enmarcadas no Lugo+Biodinámico, cun ámbito de actuación de 18,6 hectáreas situadas entre os polígonos das Gándaras e O Ceao, co que o Goberno municipal busca desenvolver distintas accións en favor dun urbanismo sostible e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal, a nivel económico e ambiental.

Este proxecto inclúe outras accións como a creación dunha parcela de silvicultura de frondosas para a produción de madeira de alta calidade, acondicionamento dunha parcela de cultivos para producir biocombustibles de elevada eficiencia enerxética, que abastecerán ao edificio bioclimático de madeira que tamén se proxecta neste plan, recuperación e posta en valor dun bosque de ribeira de 5 hectáreas ou construción dun edificio piloto en madeira con consumo enerxético cero, que se chamará Impulso Verde e que acollerá o centro de referencia de formación e divulgación da acción polo clima. Ademais inclúe a planificación urbanística dun barrio ecolóxico, que estará situada en Duquesa de Lugo, entre outros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com