A Alcaldesa de Lugo anunciou este martes que a Xunta de Goberno avanzará mañá na tramitación preceptiva para ampliar as prazas dos tres aparcamentos subterráneos públicos, nas prazas de Santo Domingo, Ferrol e Constitución, aprobando o inicio do expediente de modificación do contrato de concesión no relativo á dimensión das prazas.
Tamén se acordará dar audiencia durante un prazo de 15 días hábiles á empresa concesionaria –Interparking- para que presente as alegacións que estime oportunas, así como abrir un trámite de información pública durante 20 días hábiles mediante a publicación dun anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e no taboleiro de anuncios municipal para que os posibles interesados formulen alegacións ou suxestións se así o consideran.
O acordo elevado á Xunta de Goberno de mañá, explicou a Alcaldesa, materializa as “distintas conversas e contactos” que mantivo o Executivo local durante os últimos meses coa empresa. Nel, establécese que, unha vez acordada de maneira definitiva a modificación do contrato, a concesionaria terá un prazo máximo de tres meses para aumentar as dimensións das prazas, adaptándose ao establecido na normativa vixente, en concreto, ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Deste xeito, por regra xeral, pasarán dos actuais mínimos de 4,5 metros de lonxitude por 2,20 de anchura a, como fixa o PXOM, 5ms. de largo por 2,50 de ancho, o que garantirá “a accesibilidade e maior comodidade dos usuarios”, subliñou a rexedora.