O edil de Infraestruturas Urbanas anunciou que nos vindeiros días comezarán os traballos de adecentamento das rúas Fento e Xazmín e a renovación do alumeado das rúas Xasmín e Couselo, en Albeiros. O Goberno de Lugo investirá preto de 20.000€ nestas actuacións, que, segundo explicou, “permitirá continuar na mellora da imaxe e dos barrios da cidade e garantir unha mellor calidade de vida das veciñas e veciños da zona”.
A solución adoptada pola concellería de Infraestruturas Urbanas para as rúas Fento e Xasmín consiste na aplicación dunha capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, o que asegurará que a intervención sexa duradeira. A sinalización vertical renovarase. Nas rúas Couselo e Xasmín comezarán nas vinderas semanas os traballos de renovación do alumeado público, avanzando na instalación de luminarias LED de baixo consumo, e reducindo así as emisións producidas pola rede de alumeado público da cidade.
“A intervención levarase a cabo intentando minimizar ao máximo posible as molestias ás veciñas e veciños da zona”, indicou o edil, que engadiu “dende a concellería de Infraestruturas Urbanas temos que ter en conta que a maioría das veciñas e veciños de Lugo vivimos en barrios, e temos que traballar para mellorar a calidade de vida dos mesmos”.