O Goberno Central central avanza na creación da Autovía da Mariña

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, amosou hoxe a súa satisfacción polo novo paso que dá Fomento para a construción da futura Autovía da Mariña, A-74. A subdelegada cualificou de “boa noticia para A Mariña e para a provincia no seu conxunto” a próxima formalización do contrato para os traballos de redacción dos proxectos de trazado e construción do treito Burela-Foz, nos que Fomento vai investir 1.363.732 euros.

“Este Goberno actúa, non fai propaganda, os nosos proxectos reflictense no Boletín Oficial do Estado”, destacou Isabel Rodríguez ao referirse ao anuncio de formalización do contrato para a redacción dos proxectos do treito Burela-Foz, dos que se van encargar PK VEINTIOCHO INGENIERIA, S.L. e EPYPSA EYSER, S.A.

Isabel Rodríguez tamén destacou que con esta medida “o Goberno de Pedro Sánchez dá un paso máis para mellorar as comunicacións da Mariña e acabar así coa inxustiza que supón a falta dunha autovía que vertebre e axude ao desenvolvemento dunha das comarcas máis dinámicas social e economicamente da provincia de Lugo”.

A subdelegada do Goberno destacou que a redacción dos proxectos de trazado e construción do treito Burela-Foz é o segundo paso que dá este Executivo para avanzar na construción da Autovía da Mariña e lembrou que Fomento xa someteu a información pública o proxecto de trazado do treito Barreiros-Foz. Este proxecto ten unha lonxitude de 11,15 km, contempla a execución de tres enlaces (Barreiros, O Carme e Foz) e ten un investimento estimado de 241,4 millóns de euros.

A autovía A-74 permitirá dar continuidade á A-8, a través do corredor cantábrico da Mariña entre Barreiros e San Cibrao, de xeito que suporá unha alternativa á N-642, estrada que ten unha Intensidade Media de Tráfico superior a 11.000 vehículos diarios, con incrementos de tráfico significativos na época estival, na que se chega aos 15.000 vehículos ao día.

A construción desta autovía mellorará os índices de accesibilidade, capacidade e seguridade vial, ademais de potenciar a economía da comarca e da provincia de Lugo, dando unha óptima conexión aos portos de San Cibrao, Burela e Celeiro. Asimesmo, a súa construción vai mellorar os tempos de percorrido na costa lucense e a comarca da Mariña.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com