O Goberno Central inviste nas obras de mellora da costa na Mariña

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou hoxe un investimento de máis de medio millón de euros para obras de mellora da costa da Mariña. A subdelegada do Goberno fixo este anuncio en Burela, durante unha visita que efectuou, acompañada polo alcalde, Alfredo Llano, á primeira das actuacións que pon en marcha o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través da Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar dentro do plan de conservación e mantemento da costa. Este plan conta cun orzamento total de máis de 220.000 euros para a realización de melloras na comarca da Mariña.

A subdelegada do Goberno explicou que “con este importante esforzo inversor queda claro o noso compromiso cos veciños da Mariña e a súa calidade de vida, tamén demostramos con feitos a nosa aposta por esta comarca que consideramos fundamental para a provincia de Lugo, polo seu dinamismo económico, os valores ambientais e os seus atractivos turísticos, que son un importante recurso económico para todos os mariñáns”.

Isabel Rodríguez e Alfredo Llano inspeccionaron esta mañá, no Cantiño, na zona do Castro, o comezo dos traballos que levará a cabo a Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar no municipio de Burela onde se van instalar novas varandas e tamén está previsto facer reparacións no paseo marítimo e nas zonas do espigón danadas polos temporais de 2018.

Esta é unha das actuacións incluídas no plan de conservación de mantemento no litoral da costa de Lugo, que suporá un investimento total de 223.877 euros para a realización de melloras en todos os concellos da comarca da Mariña.

Ademais, Isabel Rodríguez anunciou que hoxe mesmo comezaron os traballos previos para outra obra que executará na Mariña o Ministerio para a Transición Ecolóxica. Trátase da demolición da parte superior da cetárea en San Cibrao, no concello de Cervo, que conta cun orzamento de 31.807 euros.

A subdelegada do Goberno explicou, tamén, que o Ministerio para a Transición Ecolóxica ten prevista outra importante inversión, neste caso no Concello de Xove, consistente na supresión do tráfico rodado e o acondicionamento do contorno do portiño de Morás. A execución deste importante proxecto xa foi encargada e suporá un investimento de 360.544 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com