O Goberno da Deputación abre mañá o Mercado de Nadal con 11 artesáns e actividades gratis

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, acompañada da Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre Vázquez, presentou este xoves o Mercado de Nadal que organiza a Deputación na Praza de San Marcos durante estas datas, así como o conxunto das máis de 60 actividades que se desenvolverán en dito espazo público da cidade luguesa.

O Mercado de Nadal da Deputación abrirá mañá e permanecerá ata o 5 de xaneiro. Pechará o 25 de decembro e 1 de xaneiro. Os postos estarán abertos de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. O 24 e 31 de decembro o horario de tarde será de 16:00 a 18:30 horas).

Nel participan 11 artesáns, na súa maioría lucenses. Durante o seu transcurso, estes profesionais farán demostración en vivo dos seus oficios tradicionais. Ademais, celebraranse actividades totalmente gratuítas para nenos, actuacións de maxia e musicais a cargo das corais de toda a provincia.

Preto de 200 actividades na cidade coa Deputación e o Concello

García Porto subliñou que “un ano máis, organizamos o Mercado de Nadal da Deputación co obxectivo de promover a artesanía como unha fonte de riqueza e emprego. Ademais, como novidade, organizamos máis de 60 actividades lúdico-culturais, totalmente gratuítas e para todas as idades, no centro da cidade co fin de pór en valor a nosa cultura e identidade e dinamizar o comercio”.

Carmen Basadre resaltou “a importancia deste tipo de iniciativas, que favorecen o desenvolvemento económico da cidade e da provincia e ademais impulsan o comercio local”.

Mercado de Nadal

Os participantes no Mercado de Nadal da Deputación son todos profesionais, que crean pezas propias. Os materiais que empregan son transformados dende unhas materias primas autóctonas: ferro, coiro ou cerámica, entre outras. Os 11 participantes son os seguintes:

Alfonso Otero Regal (64, Nois): O nome do stand é Regal Cerámica Artesán. É de Nois pero leva traballando todo a súa vida en Viveiro. Amosa os produtos de cerámica elaborados en gres a alta temperatura e decorados a man por el mesmo.

Ana Belén Barral Valiña (40, Guitiriz): Esta artesá que participa no Merca en Lugo polo Nadal, co seu posto Lucecús, crea complementos de moda con feltro e bonecos de lá realizados coa técnica de tecer xaponesa amigurumi. Todos os produtos son feitos a man e encárgase de todo o proceso, dende os deseños ata o empaquetado.

Mónica García Grandío (45 años, Lugo): Dedícase á artesanía dende fai cinco anos, ao quedarse sen traballo e dispoñer de máis tempo libre comezou a facer cousas para a súa nena Marina, que da nome ao seu posto Complementos Mis Marinillas, no que vai a expoñer diferentes complementos de moda e deseño.

Roberto Lascano Lascano (41, Lugo): Artesanía o mestizo é o nome do posto co que participa este artesán no Merca en Lugo polo Nadal. Roberto ten unha tenda online http://omestizo.blogspot.com.es/ na que vende todos os produtos que produce con coiro como bolsos, mochilas ou carteiras entre outros, mesturando técnicas galegas e de distintos puntos do mundo como Sudamérica.

María Rodríguez Arias (37, Lugo): Ofrece os seus traballos de xoiaría no taller M&N Joyas situado na capital lucense. Empezou a traballar no sector da artesanía hai 10 anos e unha das súas especialidades e o deseño e confección de colares en prata e pedras semipreciosas. Ana Isabel Novo Barreiro (45, Lugo): Co seu posto Tres Caracoles, amosa todo o seu traballo co coiro como moedeiros, bolsos, fundas de móbil, entre outros complementos. Dedícase profesionalmente dende fai 5 anos e ten un taller/tenda na cidade de Lugo onde se exhiben todos os produtos feitos a man por expertos artesáns.

Rosa María González Alonso (Pontevedra): Co seu posto Zimzelatum ofrece pezas e coleccións de xoiería e decoración, partindo da materia prima (prata, cobre, alpaca ou latón normalmente en chapa) e decorándoas con técnicas de cicelado, batido ou picado.

Amalgama (Cooperativa de artesáns, Lugo): Adolfo Domínguez Casais e Carmen Fieiras Rifón son os dous artesáns que forman este posto. Adolfo leva máis de 20 anos dedicados a traballar con xoiería e Carmen outros 20 a cestería tradicional, ecolóxica e contemporánea. Posúen unha tenda na cidade, Amalgama, na que ofrecen talleres e espazos para achegar á xente a artesanía.

Inmaculada Díaz Cabado (38, Lugo): Esta artesá participa co posto Barro en vivo, como o nome do taller que ten na cidade de Lugo. Esta ceramista amosará parte do seu traballo como cuncos, animais ou debuxos animados, entre outros, que deseña, crea e pinta ela mesma.

Ana María Alonso Pérez: Esta artesá participa co posto Cabuxa, na que ofrecerá todo tipo de marroquinería en coiro como bolsos, mochilas, moedeiros ou billeteiras. Todo o proceso de creación cóidao ao detalle, dende a selección das peles en curtidurías nacionais e italianas sustentables, ata o procesado, a estampaxe e o ensamblado manual de cada peza.

María Isabel Carril Quiroga (31, Lugo): No ano 2011 decide emprender un novo camiño e centrarse no ganchillo e as manualidades, dedicarse exclusivamente á cerámica, coa apertura dunha nova tenda online www.lanalutum.com. No seu posto Lanalatum ofrecerá artesanía utilitaria como pratos, vasos ou cubertos, tamén produtos de decoración y de xoiería: colares, aneis, pendentes, etcétera.

Demostracións dos artesáns e música

Ademais haberá diferentes demostracións de pratería marroquinería, cerámica, xoiaría, globoflexia  etc e actuacións de diferentes corais: Cantar Delas, Orfeón Lucense, Conxunto Vocal Lugh, Asociación Músico Vocal Xeada, Schola Gregoriana Lucensis, Asociación de Amigos do Camiño de Santiago e  Orfeón Xoán Montes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com