O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, informou este martes sobre os 331.000 euros do Orzamento de 2016, que o Goberno Provincial achegou aos veciños deste municipio para mellorar a súa calidade de vida. Campos Conde apuntou que “este investimento representa o 25% do presuposto municipal e supón unha achega duns 160 euros por habitante. Creo que a colaboración que prestamos dende o Executivo Provincial aos concellos é fundamental para poder atender as necesidades dos nosos cidadáns ante os recortes das principais administracións no país, pois as actuacións que financiamos serviron para reforzar o conxunto de prestacións públicas e o emprego, que se require para vivir no rural”.
O Presidente e o Alcalde mantiveron un encontro cunha usuaria do Servizo a Domicilio para non dependentes, que financia na súa totalidade a Deputación nos 66 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes porque a Xunta de Galicia non fai achegas ao respecto. Campos Conde destacou que “triplicamos a nosa achega no Valadouro, facendo que hoxe sexan preto de 40 os maiores deste municipio que reciben atención nas súas casas”. Son 23.100 euros os que destinou o Executivo Provincial á tamén coñecida como Axuda no Fogar.
Con esta cantidade, contratáronse a outros 4 profesionais, o que permitiu incrementar o número de usuarios e ofrecer 6.000 horas de atención. Campos e Maseda tamén visitaron a outra usuaria do servizo de Teleasistencia que o Goberno da Deputación ofrece aos maiores dos municipios lucenses a custe cero porque a Teleasistencia da Xunta de Galicia, ademais de obrigar ao copago por parte dos usuarios, só atende ás persoas catalogadas como dependentes, deixando, polo tanto, a moitos veciños con necesidades reais excluídos. Neste senso, cómpre destacar que na Teleasistencia da Deputación son os técnicos sociais os que valoran a necesidade deste servizo á hora de seleccionar aos usuarios.
Fano en visitas aos seus domicilios onde coñecen a situación persoal do demandante (idade, ingresos, apoios familiares, saúde, grao de discapacidade, se viven en zonas illadas, lonxe de núcleos poboacionais ou de difícil acceso… pois son os criterios sociais que se priman na concesión). No Valadouro, son 4 os veciños que contan coa Teleasistencia da Deputación.