O voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, informou esta mañá sobre a xestión levada a cabo polo Executivo Provincial esta semana, que supuxo a posta en marcha, no conxunto do territorio lugués e para os máis de 300.000 lucenses, de investimentos de 28 millóns de euros: máis 2,7 millóns hoxe mesmo na Xunta de Goberno e 25,2 coas propostas que levou ao Pleno do martes. En contraposición, “a xestión do Partido Popular esta semana foi aprobar máis de 100.000 euros a costa de todos os lucenses en salarios para os seus intereses partidistas en SUPLUSA. E isto é o único que parece saber Feijóo sobre o sucedido esta semana na nosa provincia o que significa: que tamén esta no allo”.
“Pero nin Feijóo nin ninguén do PP quere falar en público sobre a nosa masa salarial que crearon con cartos públicos de todos os veciños desta provincia mentres aplauden a súa xestión, instalada na constante mentira para tentar seguir enganando a todos os cidadáns sobre a realidade que vivimos”, engadiu Santos.
Neste senso, destacou que “Feijóo é capaz ata de contradicir os propios datos oficiais do REGALIAM, que facilitou a Consellería de Sanidade ao Parlamento de Galicia, e que claramente din que en Lugo morremos máis por infarto porque non temos Hemodinámica 24 horas pola decisión política do Partido Popular”.
Son datos oficiais de xuño de 2015 a setembro de 2017. Estes desvelan que a taxa global de mortalidade por infarto en Lugo foi de 4,6 e do 3,6 no caso de recibir unha intervención coronaria percutánea, sendo as máis altas de todas as provincias galegas. O tempo de espera de atención dos lucenses tamén foi o máis alto de Galicia con 155 minutos. O 75% dos veciños foron tratados na Coruña.
Os novos investimentos de 2,7 millóns que se poñen en marcha na provincia tras a Xunta de Goberno deste venres son os seguintes: preto de 2,5 millóns en obras de mellora de estradas provinciais nos Concellos de Ribeira de Piquín, Guntín, Pedrafita do Cebreiro, A Fonsagrada, Castroverde, A Pontenova e Lourenzá; 41.000 euros nos traballos de roza de vías provinciais no Vicedo, Viveiro, Xove e Ourol; 130.000 euros para a posta en marcha da piscina da Pastoriza; 75.000 euros en axudas de concorrencia competitiva para deportistas individuais cuxo prazo de solicitude se abrirá nas vindeiras semanas.