O Deputado de Medio Rural, Lino Rodríguez Ónega, xunto ao Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro López, presentaron este xoves no Salón de Actos da Deputación, a XIX Feira Degustación da Tenreira Galega, que terá lugar o 29, 30 de abril e 1 de maio no Campo da Feira da Pobra de San Xiao, no Concello de Láncara.
O Goberno da Deputación colabora co municipio lancarés na celebración desta cita gastronómica e faino cunha achega económica de 3.000 euros. Ademais, doa unha tenreira a través da Granxa Gayoso Castro para sortear entre os asistentes e sufraga parte da actuación do grupo Xílgaros de Lugo a través do programa Musiqueando.
Pola súa banda o Concello de Láncara inviste 20.000 euros. Deste xeito, Deputación e Concello son as únicas administracións que impulsan este evento, pois a Xunta de Galicia non o fai, aínda sendo a tenreira un produto de referencia na provincia e especialmente en toda a Comarca de Sarria.
Rodríguez Ónega destacou que “dende o Goberno da Deputación colaboran coa Feira Degustación da Tenreira Galega co obxectivo de potenciar a actividade agrogandeira e dinamizar a economía do rural ao mesmo tempo que fomentamos o consumo de produtos autóctonos como a tenreira ou o queixo das reses do Concello de Láncara.
O deputado puxo en valor a importancia deste tipo de iniciativas que promoven de xeito significativo o turismo nesta zona da provincia, pois esperase que participen máis de 2.000 persoas nesta edición.
Durante a celebración, degustaranse máis de 1.500 quilos de tenreira galega, que se servirán ao caldeiro ou á grela, a 13 euros por ración, acompañadas de queixos feitos con leite do municipio, pan e bebidas. A programación do evento inclúe actuacións musicais, stands de produtos autóctonos, o sorteo de varias tenreiras, un concurso de cabalos e un concurso de gando no que participarán máis de 100 cabezas de res.