O voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, informou este venres que o Executivo Provincial aprobou na Xunta de Goberno de hoxe a contratación das obras de dotación de novo alumeado público ao paseo do Río Rato e á estrada LU-P- 2925. Estas actuacións, que, previsiblemente, comezarán en 15 días, foron adxudicadas con 750.000 euros. Santos Ramos explicou que “destinamos a estes traballos 1,4 millóns de euros e conseguimos un aforro de 615.000 euros no proceso de adxudicación, que nos permite levar máis mellora á zona”.
As obras levaranse a cabo nun treito de 7 quilómetros, concretamente entre a Avenida de Madrid e o parque do Sagrado Corazón. Serán un total de 283 novos puntos de luz LED ecolóxicos, dos que 103 se instalarán na estrada e 144 no paseo. Tamén se instalará un sistema informático que permitirá controlar cada un dos 283 puntos de luz, así como regular a súa intensidade lumínica co fin de aforrar custos ao poder adaptala ás condicións climatolóxicas.
Para poder realizar estas obras, será necesario situar 20.000 metros de cables, que serán de aluminio, e non de cobre, para evitar posibles roubos ou actos vandálicos.