O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, explicou este luns que o Goberno da Deputación constituirá un Consello Provincial de Turismo, que dea voz aos axentes implicados nos 4 xeodestinos que estableceu a Xunta na provincia coa aprobación da Lei 7/2011 de Turismo de Galicia, co obxectivo de promocionar Lugo no seu conxunto.
Nunha reunión co Delegado Territorial da Xunta, á que tamén asistiu o Deputado de Turismo Eduardo Vidal e Alcaldes da provincia, Campos Conde destacou que “dende o Goberno da Deputación apostamos e traballamos para converter á provincia de Lugo nun destino turístico de referencia no país.
O titular provincial lembrou que no ano 2011 a Xunta aprobou a Lei de Turismo, recoñecendo a Galicia como destino turístico e establecendo 14 xeodestinos na Comunidade, 4 dos mesmos na provincia luguesa : A Mariña, Ribeira Sacra, Lugo-Terra Chá, e Ancares-Courel. Destes so A Ribeira Sacra, que é anterior a esta lei conta cun consorcio que é quen a representa, así como a Mancomunidade da Mariña que, aínda que naceu para a xestión conxunta de servizos públicos, traballa intensamente na promoción turística da zona.
“Polo tanto, para cumprir coa lei autonómica, deben constituírse claramente tamén os xeodestinos da Mariña, Lugo-Terra Chá e os Ancares-Courel. Este traballo require da necesaria implicación e colaboración da Xunta”, apuntou Campos Conde. O Presidente da Deputación explicou que actualmente o Goberno Provincial xa colabora co Consorcio da Ribeira Sacra e coa Mancomunidade da Mariña cunha achega económica total de 50.000 euros (25.000 euros por xeodestino), e adiantou que “faremos o mesmo cos xeodestinos Lugo-Terra Chá e Ancares-Courel cando se constitúan”. Tras a insistencia dos Alcaldes, o Delegado Territorial da Xunta comprometeuse a investir uns 100.000 euros por xeodestino e a convocar novas reunións de traballo con Deputación e Concellos para avanzar na constitución dos mesmos.
Unha única marca turística, a de Lugo
“Con todo, dende o Goberno da Deputación cremos que temos que promocionar a provincia no seu conxunto, poñendo en valor os diferentes mundos que nela se aglutinan. Por este motivo, decidimos elaborar un Plan Estratéxico de Turismo, que presentaremos en xuño e que incluíra medidas de promoción de todo o territorio lugués. Con isto buscamos crear unha única marca turística na nosa provincia: a de Lugo. Para elo, vamos a constituír un Consello Provincial de Turismo, que dea voz aos axentes implicados nos 4 xeodestinos que define a lei da Xunta de Galicia”, subliñou.
Deste xeito, no orzamento de 2017, figuran partidas neste eido que superan os 1,5 millóns de euros, entre as que se atopan os 400.000 euros que o Goberno da Deputación ofrece aos Concellos para actividades turísticas a través do Plan Único; a do Plan Estratéxico de Turismo para este ano, así como a das Rutas Fluviais no Miño e Sil.