O voceiro do Executivo Provincial, Álvaro Santos Ramos, aclarou hoxe en relación ás políticas de actuación para o impulso do turismo na provincia que “o PP quere facer un Consorcio de Turismo, é dicir, outro chiringuito, con órganos de dirección, cos seus bos salarios e as súas boas remuneracións. O que necesita a provincia de Lugo é un Consello de Turismo, que é moi diferente, aínda que soe parecido. E isto é o que defendemos, e o que imos a crear dende o Goberno da Deputación”.
“O Consello de Turismo é ese órgano de posta en común, de participación de todos los entes e axentes implicados no desenvolvemento do turismo, no que se xeren sinerxías. E despois cada un, dende as súas posibilidades, competencias e bondades, executen actuacións para que, as cuestións que estean febles e se poidan mellorar, sexan un verdadeiro potencial e revulsivo en materia turística, e, polo tanto en materia social e económica, así como de desenvolvemento do emprego da provincia”.
Santos Ramos subliñou que “a solución non é un Consorcio, unha entidade con capacidade para prestar servizos ou unha macroempresa de turismo chamada así. O que realmente é necesario é que aglutinemos todas esas expectativas. Iso é o que vai impulsar o Goberno da Deputación. Para eso, estamos a traballar, intensamente, no eido do turismo. Onte se presentou un informe do Eixo Atlántico, que apunta a esa dirección e en canto teñamos os resultados do Plan Estratéxico de Turismo da Provincia de Lugo, este Goberno promoverá a creación do Consello de Turismo, onde, participando todos, poidamos ver o que podemos facer para desenvolver o sector”.
Para Santos Ramos, é imprescindible a participación pública e privada, xa que, afirma que non consiste en ter hoteis, restaurantes ou espazos que visitar senón tamén dunha estratexia e dun desenvolvemento. “Se non desenvolvemos, adecuadamente, as infraestruturas da provincia de Lugo e se non temos garantida a mobilidade interior e un acceso fácil a nosa provincia por diferentes canles, como pode ser a rede viaria ou a rede ferroviaria; de nada valerá que fagamos unha oferta turística potente”.