O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, inaugurou este luns a exposición 50 anos de Breo. Enredando museos, cultura e deporte para a mocidade. O Goberno da Deputación achega de xeito totalmente gratuíto a todos os lucenses esta mostra, na que se fai un repaso pola historia do CB Breogán con motivo do seu 50 aniversario, na Sala de Exposicións Pazo de San Marcos, dende hoxe e ata o 30 de xuño.
Campos Conde subliñou que “con esta mostra relacionamos deporte, mocidade e cultura a través dun proxecto expositivo que amosa a traxectoria histórica e social do Breogán ao longo de medio século de vida. Medio século de vitorias, éxitos, alegrías e triunfos, pero tamén de caídas e amargas derrotas. Se por algo se caracteriza a marea celeste é polo seu espírito loitador, por non baixar nunca os brazos, por acompañar ao equipo nos momentos bos, pero tamén nos malos… en definitiva, por ser un exemplo de lealdade a unhas cores”.
O Presidente engadiu que “os visitantes poderán contemplar reliquias únicas, como trofeos, camisetas de xogadores emblemáticos como Charlie Bell, recortes de prensa, fotografías e un largo etcétera, por primeira vez expostos nun espazo museístico e accesible para todos os veciños e visitantes da nosa provincia. Quero mostrar o meu máis sincero agradecemento a todos os afeccionados que colaborastes para que esta exposición sexa posible, contribuíndo coa cesión de obxectos e recordos. Porque todos os lucenses facemos o Breogán”.
Temática
Na mostra pódense contemplar 7 bloques diferenciados historicamente: 1966-1970 Nacer; 1970-1978 Soñar, 1978-1984 Volver a nacer; 1984-1995 Volver a soñar; 1995-1999 Ir e vir; 1999-2006 Na elite do baloncesto español; 2006-2016 Celeste Esperanza.
Xunto a estes bloques pode verse un apartado destinado ás accións sociais do club durante o seu aniversario, impulsadas polo organismo provincial a través do contrato de patrocinio asinado por ambas entidades, ademais de varias prendas do equipamento durante os 50 anos de historia; ou un audiovisual que mestura o vídeo coa ollada máis memorable do breoganismo. A fotografía é outro dos medios elixidos para falar da traxectoria da entidade.
O horario de visita da exposición “50 anos de Breo”. Enredando museos, cultura e deporte para a mocidade é de luns a venres, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 20:30 horas; os sábados, de 10:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas; e os domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas.