O Deputado de Benestar, Álvaro Santos Ramos, asistiu onte ao Parlamento de Galicia para escoitar a resposta do Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, á pregunta sobre a vontade do Goberno galego de asinar convenios coa Deputación de Lugo para que sexan públicas, a través da Xunta, todas as prazas das residencias e centros de día públicos que construíu o organismo provincial.
Santos Ramos adiantou que a Deputación de Lugo achegará todas as facilidades para que, de acordo cos Concellos nos que hai residencias os seus veciños poidan ir aos centros de maiores públicos da institución luguesa.
Tras escoitar a intervención do Conselleiro, o Deputado remarcou que “salgo do Parlamento galego co convencemento de a Deputación de Lugo vai a ter que ofrecer prazas públicas tamén en solitario. É inútil intentar entenderse cun Conselleiro mentiroso e cruel no manexo dos datos. Enganou ao Presidente, cando tivo a reunión con el. Hoxe minte, novamente, sobre o que pasou nesa reunión, demostrando, unha vez máis, que o Conselleiro non está para defender o benestar dos lucenses, senón que está para defender os intereses do PP de Lugo, obsesionado en bloquear a apertura das residencias da Deputación de Lugo, obsesionado en que sexa SUPLUSA, que se rexe polo dereito mercantil, a que xestione de xeito privado as residencias para convertelas nun chiringuito e ofrecer prazas privadas aos maiores da provincia, non públicas, tal e como quere o Goberno da Deputación”.
Santos Ramos rememorou tamén que no ano 2010 a Xunta asegurou que Suplusa non podía ser prestadora de servizos sociais, ademáis, o deputado recordou que os que ostentan responsabilidades públicas, deben observar as normas e empregalas para dar servizos aos cidadáns con convenios que lles axuden.
Santos Ramos criticou tamén que Rey Varela non cumprira a promesa que lle fixo a este mesmo deputado en abril de 2016 de axilizar os trámites para a apertura de centros da terceira idade como os de Fonsagrada ou Castroverde.
Para a deputación, hai que ter en conta que a pensión media dun lucense é duns 600 euros mentres que o custe dunha praza nunha residencia ronda os 1.500 euros. Santos Ramos asegurou que a Deputación podería abrir este ano 5 residencias e centros de día públicos se tivese o apoio do goberno do PP. Estas residencias serían as de A Fonsagrada, Castroverde, Trabada, Pol e Pedrafita do Cebreiro. Estas 5 instalacións sociais e públicas ofrecerán un mínimo de 250 prazas (150 residenciais e 100 nos centros de día).