O Goberno local do Concello de Becerreá vén de anunciar a celebración, o vindeiro xoves, dun pleno extraordinario co fin de, entre outros temas, presentar o documento de orzamentos proposto polo equipo de Manuel Martínez para o vindeiro ano. Trátase dunha primeira aprobación, que inclúe tamén a aprobación das Bases de Execución, do Cadro de Persoal, da Relación de Postos de Traballo e das retribucións do persoal ó servizo do Concello.
Doutra banda, o equipo de Goberno elevará a pleno, tamén outras cuestións de actualidade municipal, entre as que se atopan a aprobación inicial da Ordenanza reguladora do Servizo de saneamento e depuración de augas residuais, a aprobación da regulación do uso común especial do dominio público polas actividades extractivas de madeira e a solicitude de remate da segunda fase do Parque Empresarial de Becerreá así como a redución de prezos das parcelas resultantes.