O goberno de Chantada non executa a rebaixa do IBI de rústica proposta polo PSOE

Os socialistas de Chantada denuncian que “o alcalde obriga aos veciños da localidade a pagar uns 26.000 euros máis ao ano porque non fixo a modificación para rebaixar o IBI de rústica“. Así o denunciou a voceira do PSOE, Raquel López, que explicou que en 2018 os socialistas levaron ao Pleno da corporación unha proposta, que foi aprobada sen o apoio do Alcalde, o PP e INTA, pola que o Concello tiña que rebaixar o IBI de rústica
do 0,4% ao 0,3%, o mínimo que marca a lei; establecer bonificacións ás explotacións agrogandeiras, así como declarar a actividade agraria como de especial interese ou utilidade municipal e tomar medidas para bonificar o imposto aos colectivos vulnerables.

Raquel López lamentou que “as familias de Chantada, que xa sufriron a carga fiscal do catastrazo, están sendo prexudicadas gravemente debido á inacción e o pasotismo do Alcalde. O señor Varela ten que explicar que motivos ten para seguir castigando aos veciños con impostos, sobre todo do rural, e non cumprir coas medidas acordadas no Pleno municipal. O rexedor escúdase no Plan de Axuste para non baixar o IBI pero noutros Concellos da Comarca si fan baixadas e bonificacións a pesar de estar en Plan de Axuste. As súas decisións van en contra dos intereses dos chantadinos”.

“Que fai o alcalde cos case 100.000 euros que recada anualmente o Concello en tributos do IBI de rústica? Porque as estadas municipais atópanse nun estado lamentable, a maioría de parroquias non contan cun bo saneamento, non hai traídas de auga… Os veciños ven como o equipo de goberno non realiza novos investimentos co recadado polos cidadáns para mellorar as infraestruturas e dotacións públicas do noso Concello. Basta xa. Estamos fartos de que mire cara a outro lado. Esiximos ao rexedor que empece a traballar por mellorar a calidade de vida dos veciños e non a súa propia”, censurou a voceira socialista.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com